Ribadeo, 5 de decembro de 2013.- A delegada territorial, Raquel Arias, afirmou este xoves que “a identificación dos pobos e dos cidadáns galegos coas rutas Xacobeas contribúe á dimensión internacional dos Camiños de Santiago”.
A delegada realizou estas declaracións no marco da presentación do Caderno de viaxe sobre o Camiño Norte impulsado pola Asociación Cultural Casa das Letras de Ribadeo e que asinan tamén John Rutherford e Eduardo Baamonde.
Arias aludiu a esta iniciativa como exemplo de implicación na difusión do Camiño e apelou “á implicación de todos, administracións, colectivos e veciños, na conservación e promoción” das rutas. “Grazas ao traballo por parte de moitas institucións e persoas –afirmou-, hoxe o Camiño converteuse no noso mellor embaixador internacional”.
Na mesma liña, a delegada explicou que a Xunta de Galicia realiza un gran esforzo por “coidar, mimar e promocionar as rutas Xacobeas” porque son “un piar de dinamización económica e cultural que nos da sona no mundo”.
Ao respecto, afirmou que o Goberno galego -a través do Xacobeo- está a executar melloras no Camiño Norte por máis de 66.000 euros “que permitirán que tamén en Ribadeo se acondicione un tramo de Camiño”.
Arias gabou a calidade e beleza da obra presentada, que “une os poderes da expresión gráfica e da palabra e da como resultado unha pequena xoia para acompañar os pasos que levan ao camiñante pola vía das estrelas camiño de Compostela”.
A obra presenta 60 acuarelas e tres textos breves que destacan os elementos máis salientable desta ruta, tanto dende o punto de vista histórico como do patrimonio artístico, medioambiental ou etnográfico.