Estimular entre o alumnado participante o coñecemento e o interese polo mundo das aves e o medio natural para a súa conservación como parte do patrimonio colectivo galego, ao tempo que se potencia o desenvolvemento das súas habilidades e creatividade a través da pintura, é o principal obxectivo que persegue a convocatoria deste certame.
Neste sentido, Mario Outeiro afirmou que “estamos ante unha iniciativa que pretende animar aos centros de ensino da provincia de Lugo a que ademais de visitar Avifauna, actividade que está bastante xeneralizada entre os colexios da provincia grazas a un convenio de colaboración coa Deputación, esa visita vaia máis alá e dea os seus froitos, de maneira que o certame invite ás rapazas e rapaces a seguir investigando na temática ornitolóxica”.
Poderán participar un total de 40 alumnas e alumnos, 10 por curso, de cada centro escolar, sendo elixidos polos seus respectivos titores escolares. Así, os centros de ensino participantes deberán enviar a ficha de inscrición a través do enderezo electrónico administracion@avifauna.net ou por correo postal á sede de Avifauna: Montirón 65-67 entlo A, 27002, Lugo; antes do 15 de marzo de 2014.
As obras presentaranse, unha por alumna ou alumno, nun tamaño DIN A3 e os materiais e a técnica empregada serán libres. No caso de conter elementos lingüísticos a lingua empregada será sempre o galego. Os traballos enviaranse sen remite, indicando no sobre “I CERTAME DE PINTURA INFANTIL E XUVENIL AVIFAUNA” e a categoría na que participa (2º ou 3º ciclo de Primaria). Acompañaranse dun sobre pechado no que se indicará o nome, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda a/o participante. Todos os traballos deberán ser enviados por correo postal ou entregados na sede de AVIFAUNA (Montirón 65-67 Entlo A, 27002, Lugo), entre o 16 de marzo e o 10 de maio de 2014.
Establécense tres premios na categoría infantil (2º ciclo de primaria) e tres na categoría xuvenil (3º ciclo). O primeiro premio de cada unha delas consistirá nunha tablet e carné de socia ou socio de Avifauna; o segundo será un lote de libros e carné; e o terceiro, carné de socio.