Foz, 13 de decembro de 2013 | O vindeiro martes 17 de decembro celebrarase no Edificio CENIMA de Foz a entrega dos premios “Alma da Artesanía da Mariña Lucense”. No acto, organizado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, faráselle entrega de mil euros a cada un dos gañadores. Na categoría de Artesanía Tradicional, o galardoado é o carpinteiro Miguel Fernández, pola súa peza “Berce”. Mentres, a ceramista Pilar Rei, fíxose co primeiro posto na categoría de Artesanía Contemporánea coa súa obra “Acollemento”.
Ademais destes dous recoñecementos, outros cinco artesáns fixéronse con “Premios Adquisición”, valorados en ata 300 euros por peza. Foron Dolores Trasancos, por “Anfora Rachada”; María del Carmen López, por “Anfora Arqueoloxía”; Pilar Elvira Felipe, por “Medusa”; Francisco Fraga, por “Lámpada Cubos” e Hilario Rubal García, por “Xoias Terrón de Azucre”.
O galardón recoñece a calidade e a excelencia dos creadores artesáns da Mariña lucense e pretende enxalzar a capacidade de innovación e de adaptación do feito á man, así como a aposta polos produtos tradicionais e contemporáneos para achegar as súas obras aos novos consumidores.
Convenio de promoción turística da Mariña
O premio “Alma da Artesanía” forma parte do conxunto de iniciativas que se recolle no convenio asinado en xullo entre a Axencia Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, cun orzamento total de 100.000 euros.
Ademais dos galardóns, contempla outras actividades, como o II Mes da Maxia, que se celebrou entre o 18 de outubro e o 10 de novembro; a promoción das Rutas da Artesanía, unha oferta turística innovadora que toma como valor diferencial a riqueza das actividades artesanais da Mariña ou a formación dos profesionais implicados na relación co turista, entre outras programacións.