Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo e Xove realizarán este xoves unha proba acústica das sirenas do encoro de Río Covo e da balsa de lodos vermellos

Cervo, 17 de decembro de 2013- O Concello de Cervo informa de que este xoves pola mañá terá lugar unha proba acústica para comprobar o funcionamento das sirenas de aviso á poboación instaladas tanto no encoro de Río Covo como na balsa de lodos vermellos de Xove. O procedemento será o seguinte: Nun momento da mañá, aínda sen fixar, comezaranse a escoitar os sons das sirenas, cunha duración total de seis minutos.

Os sinais acústicos emitiranse en 12 ciclos, que intercalarán 20 segundos de son e 10 segundos de silencio. Ademais, escoitarase tamén o sinal de fin de alerta, que será de 30 segundos continuos e que marcaría o remate do perigo e a volta á normalidade. A primeira proba realizarase en Xove e, a segunda, en Cervo.

Con este exercicio os organismos implicados pretenden, por unha banda que os veciños das zonas de influencia se familiaricen co son da sirena de aviso de evacuación e identifiquen o sinal de inicio da alarma e o fin da emerxencia; e por outra, comprobar o correcto funcionamento das sirenas e que se perciban os sinais con nitidez en todas as poboacións afectadas. Para iso, os técnicos colocaranse en diferentes puntos con fonómetros para comprobar que o alcance e a intensidade do sinal é o axeitado.

O edil de Seguridade Cidadá de Cervo, José Ramón Soto, quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á poboación “xa que só se trata dunha proba de seguridade, que non implica ningunha acción por parte da cidadanía, que poderá continuar coa súa actividade normal”. O que si poderá notar a veciñanza é unha maior presenza dos servizos de emerxencias nas rúas de ambos municipios.

A poboación de Cervo e Xove xa foi avisada a través de carta da realización deste exercicio para non provocar alarma entre a poboación e para que fose coñecedora do obxectivo da activación das sirenas. Ao mesmo tempo, tamén se enviaron trípticos informativos a todos os fogares das zonas de influencia, que pretenden ser unha guía útil e básica coas normas de actuación e consellos de autoprotección no hipotético e improbable caso de emerxencia, así como os puntos de encontro designados en caso de evacuación.

Este exercicio forma parte da fase de implantación e de información á poboación do plan de emerxencias do encoro de Río Covo e o plan de emerxencias exterior da balsa de lodos vermellos, posta en marcha polos Concellos de Cervo e Xove, Alcoa, a Dirección Xeral de Emerxencias e Augas de Galicia.

Exit mobile version