Site icon Crónica3.com A Mariña

Chaman á cidadanía a participar masivamente nas mobilizacións convocadas en defensa da sanidade pública

As organizacións convocantes da folga xeral no SERGAS para os días 9 e 10 de decembro fan un chamamento a toda a cidadanía para que se sume ás mobilizacións previstas en todas as cidades e numerosas vilas de Galiza, na xornada do día 10 contra os copagamentos, as privatizacións e para reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas.

Todas as manifestacións están convocadas ás 20:00 horas, agás en Ferrol, onde será ás 18:00 horas; en Burela, ás 20:30h, e no Salnés e en Cee, que serán unha as 14:00 horas e outra ás 12:00 horas.

Lugares de saída

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Para as organizacións convocantes un dos principais perigos que corre a sanidade pública galega é a súa privatización. Un camiño xa emprendido polo PP tanto en Galiza como polo goberno central e que se vai materializando a través das diferentes medidas adoptadas, como o repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, que está dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera.

O deterioro da sanidade pública tamén se vai facendo cada vez máis evidente, por mor da falta de persoal, ao aplicarse unha taxa de reposición do 10% de efectivos que, advirten, fará imposible, en breve, prestar unha atención sanitaria de calidade. De feito denuncian que, con esta medida o que se pretende é favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais
No ámbito estritamente laboral denuncian os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, mais tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Xestión clínica
Xunto a isto alertan tamén do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.

Por iso fan un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

Exit mobile version