Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco entidades de Cervo poñen en marcha unha campaña solidaria de recollida de xoguetes

A Asociación Cultural Arroutados, a Asociación de Veciños Cruz da Venta, Mulleres de San Ciprián, A Sombriza e o Concello unen esforzos este Nadal para poñer en marcha unha campaña solidaria de recollida de xoguetes. En concreto, as entidades chaman á poboación a colaborar achegando topo tipo de xoguetes, sempre que estean en bo estado. Todos os xoguetes serán doados á Cruz Vermella, que se encargará de distribuílos entre os fogares das persoas con dificultades.

Os interesados poden depositar os seus xoguetes ao longo desta fin de semana. Hai fixados dous puntos de recollida, como son a Casa da Cultura de San Ciprián, e o edificio da antiga escola obradoiro de Cervo (anteriormente FOREM). No caso de San Ciprián, os días para achegar os xoguetes son o venres de 18 a 20 horas, e o domingo de 11 a 13 e de 16 a 20 horas; mentres en Cervo o local permanecerá aberto o sábado de 11 a 13 e de 16 a 20 horas.

O coordinador da actividade, Jesús Barreal Pernas, destacou a unión das diferentes entidades á hora de colaborar e poñer en marcha esta iniciativa solidaria: “É moi reconfortante e satisfactorio o apoio e a colaboración desinteresadas de todas as partes” e, ao mesmo tempo, convida aos veciños e veciñas “a dar eses xoguetes que teñen na casa e que xa non utilizan a outras familias que si que os necesitan”.

Exit mobile version