Antonio Veiga fixo fincapé en que “o proceso tense que axustar a dereito e a nivel lexislativo isto indica que ten que ser unha subasta, que se abre hoxe. Nesa subasta introducíronse limitacións para evitar a deslocalización do club poñendo unhas condicións que priorizan aos accionistas fundadores, aos socios e aos abonados. Co prego que aprobamos en Xunta de Goberno o venres pasado garántese todo iso”.
“O compromiso da Deputación co Breogán ao longo destes anos está fóra de toda dúbida. Estamos falando de que só neste último ano a Deputación aportou en diferentes conceptos arredor de un millón de euros: obras son amores, que non boas razóns. Estamos a falar dun dato obxectivo e unha verdade totalmente irrefutable. Polo tanto o compromiso da Deputación xa desde o ano 2007 no que entramos a formar parte deste goberno non hai quen o poida rebater. Polo tanto o noso compromiso co club é total, polo que debemos de lanzar unha mensaxe de tranquilidade: o que agora mesmo necesita o club, coa boa situación deportiva e económica que estamos a atravesar, en ningún caso son ataques. Non me estou referindo a ningunha persoa en concreto, senón grupo político do PP, ao que lle esiximos unha maior responsabilidade. No ano 2006 entraron a formar parte do Consello de Administración do Breogán os 3 grupos políticos que tiñan representación na Deputación con unha persoa por cada grupo político. Curiosamente o que por aquel entón era tesoureiro do Breogán e viceportavoz do PP na Deputación afirmaba daquela que “entramos aquí pero para saír rapidamente”, polo que non sabemos que cambiou na estratexia do PP, pero non é a mesma. Pero a que si que é a mesma é a nosa estratexia, que tiñamos no 2006 e no 2007, e estámola levando a cabo paso a paso e con todas as garantías para que o CB Breogán sexa viábel”.
A respecto da posíbel marcha dos membros non políticos do Consello de Administración coa que se veu especulando estes días nos medios de comunicación, Veiga afirmou que “lamentamos e non compartimos a súa postura nin a valoración que fan deste proceso xa que estamos dicindo e facendo o mesmo que meses atrás cando se acordou a saída do accionariado que aprobou a Deputación e foi referendada por ese mesmo Consello de Administración do que fan parte estes membros”.