“Creo que estamos ben anímica e deportivamente; saímos reforzados do partido co líder, dando a cara en todo momento” aseguraba o ala Hugo, militante santiagués a tempada pasada, facendo referencia á máxima concentración dos laranxas fronte á grande intensidade como a mellor das virtudes dos de Compostela. “Imos dispostos a xogalo todo non só para meternos en Copa senón tamén para gañar confianza de cara á segunda volta” afirmaba con ilusión o 9 burelista.
“Sabemos que é un rival que non regala nada, que está sempre en todas as competicións, e máis este ano no que ten uns números envexables na casa, pero imos convencidos de poder romper a súa etapa e ser os primeiros en gañar no Sar” advertía Hugo.
O madrileño, engaiolado co apoio das bancadas burelistas desde a súa chegada á Mariña, mostrouse agradecido polo gran desprazamento que está organizando a peña A Pataca Naranxa, con 150 afeccionados confirmados, ademais varias decenas que viaxarán en vehículos particulares. “Para nós é moi importante sentir o alento dos afeccionados. O apoio da afección sempre foi algo vital para o crecemento deste club. O ano pasado estiveron no Sar e o Burela FS regresou cos tres puntos. Oxalá lles poidamos brindar a vitoria porque eles tamén a merecen despois dos altibaixos que tivemos” concluíu Hugo con optimismo.
Rivais directos
A xornada 14 tamén deparará derbis entre Magna Navarra, sétimo (18 puntos), e Ríos Renovables, noveno (15 puntos), esta tarde e Marfil Santa Coloma, sexto (19 puntos), e Peñíscola, décimo (14 puntos), o sábado.
Próxima cita
O Burela FS Pescados Rubén pechará a primeira volta na casa coa visita a Vista Alegre do Marfil Santa Coloma, tamén en púgnaa por un billete para a Copa de España; será o venres 13, ás 20.30 horas (horario unificado). O equipo de Juanlu aprazou uns días oitavos da Copa do Rei, previstos para o 10-11 de decembro; desprazarase á pista de Levante UD Dominicos, de Segunda División, o mércores 18 (20.30 horas, El Cabañal).
*Foto: A Caixa Escura Producións