Seguridade, confianza, orgullo, pertenza, e moitas cousas máis, senten os setenta e pico mil veciños da Mariña por este centro sanitario que é o que máis cerca teñen nun radio de 110 quilómetros.
Unha Área Sanitaria Integrada propia da Mariña xustifícase axiña: Distancia a cidade, poboación fixa e, en verán, engadida, crecemento constante do censo (Ribadeo, Burela, Viveiro, Foz..), actividade laboral singular ( pesca, industria, etc.) actividade comercial, turística e cultural, intensidade de tráfico rodado, número de contribuíntes e cantidade económica contribuída…
Pero facendo o contrario do que se fixo noutros sitios, como o Pais Vasco, os mandatarios da Xunta do PP decidiron unilateralmente varrer do mapa a Área Integrada propia da Mariña levando con ela a xestión e servizos que o hospital da Costa exercía de maneira autónoma. Inventaron unha gran Área con epicentro en Lugo que absorbía, como un furado negro, a independencia sanitaria e económica dos hospitais de Burela e Monforte.
Empapado en mentiras (ampliación do hospital, servizo de oncoloxía, melloras en urxencias…) os mandatarios anunciaban con esta medida grandes vantaxes, en atención sanitaria, para os veciños da Comarca Mariñá, pero a realidade a día de hoxe é tristemente moi preocupante.
En primeiro lugar o hospital de Burela carece de orzamento propio o que obriga a unha dependencia absoluta das decisións de terceiros. Con esta decisión elimínase de golpe a autonomía económica e desaparecen os servizos administrativos ligados a xestión orzamentaria (pagos a provedores, nóminas, facturas, contratación, adquisición de equipos, material clínico, etc.) e os postos de traballo correspondentes. Os traballadores xa foron advertidos pola xerencia do seu traslado a Lugo ou comulgar con un posto de traballo alleo ao que viñan desempeñando.
En segundo lugar a composición dos servizos e persoal sanitario decídese na capital. Esta decisión implica, por un lado, perda de autonomía organizativa e por outro, perda de calidade e servizos que asume o HULA aplicando un decreto de xestión integrada centralizador que deixa sen atención de servizos sanitarios os doentes da Mariña. Xa se está obrigando a persoal sanitario desprazarse o HULA para reforzar servizos. Como consecuencia tamén se derivan consultas, tratamentos e operacións a outros centros.
En terceiro lugar non se está a ter en conta a importancia que este centro hospitalario ten para a economía da Comarca (vivendas, comercio, educación, ocio, empresas de servizos, provedores, automoción, farmacias, etc.) e o número importantísimo de postos de traballo que xera, sendo o segundo centro de traballo máis importante (despois de Alcoa) en número de empregados. Esta condición, por si mesma, xustifica a Área Sanitaria integrada propia da Mariña, que xunto coa de atención sanitaria de calidade os veciños da Comarca fan indiscutible esta condición. A perda de autonomía favorece o aumento do paro.
En cuarto lugar esta en xogo a supervivencia da sanidade como servizo público gratuíto e universal xa que a xestión sanitaria do Partido Popular, esta máis preocupada en beneficiar a sanidade privada que en manter uns servizos público de calidade. Ultimamente inventaron unha nova fórmula que facilita a xestión privada e que titulan como Áreas de Xestión Clínica, ou a Lei de Garantías Sanitarias que favorecen descaradamente á sanidade privada e que seguro van dar moito que falar. Ós Señores do PP impórtalles un pemento a xustiza social e a igualdade de oportunidades. Para mostra revisen os repagos.
Reclamar a Área Sanitaria Integral propia da Mariña é unha obriga de todos. Non se entende que si alguén nos entra na vivenda e comeza a levar mobles, electrodomésticos, alimentos e recordos non pelexaramos para evitar tal ousadía. O mesmo ocorre coa defensa dos servizos públicos básicos, como é a sanidade.
Alfredo Llano García.