Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña concéntranse diante do Parlamento galego para reclamar modificacións na lexislación tributaria

concentracion emigrantes ParlGZ_Jorquera 17-12-13A Mariña, 17 de decembro de 2013. Emigrantes retornados da Mariña concentráronse a partir das 15:30 horas deste martes diante do Parlamento Galego, xunto con colectivos doutras comarcas galegas, para demandar a aprobación polo pleno do Parlamento Galego modificacións na Lei Tributaria en relación á dobre tributación do colectivo de emigrantes retornados que traballaron en estados estranxeiros cos que o Estado Español ten asinado convenios de seguridade social, tendo en conta que xa existen cinco sentenzas xudiciais do TSXG que interpretan a norma en sentido contrario ao que o fai a Axencia Tributaria Española. Ademais demándase a modificación do umbral para a obrigatoriedade da declaración da renda, haxa un ou mais pagadores, elevando a 22.000 os ingresos anuais a esta cantidade e non en 11.200 como existe na actualidade no caso da existencia de varios pagadores.

Pídense modificacións na lexislación tributaria fundamentais para rematar coa persecución inxusta e inmoral de Facenda contra o colectivo de emigrantes retornados.
O emigrantes retornados da Mariña asistiron a unha concentración diante do Parlamento Galego, xunto con plataformas doutras comarcas galegas, para apoiar a Proposición de Lei impulsada polo BNG que reclama a modificación da Lei 35/2006 de 28 de xaneiro do Imposto sobre a Renda das persoas Físicas relativa a tributación por pensións públicas percibidas por persoas emigrantes retornadas de estados cos que existe convenio sobre dobre imposición.

Na modificación lexislativa, avalada por ate cinco sentenzas do TSXG, reclámase a modificación do Art. 7 para a adopción dunha nova exención – acorde coas sentenzas do TSXG – para pensións públicas percibidas de Estados cos que existe convenio de dobre imposición.

A segunda modificación lexislativa demandada afecta ao Art. 96 para outorgar un tratamento equitativo no relativo á obriga de declarar, establecendo o límite de 22.000 euros e non 11.200 como se fixa na actualidade, aínda que exista mais de un pagador.

Na modificación lexislativa que se propón inclúese unha disposición adicional para revogar con efectos retroactivos os expedientes abertos pola Axencia Tributaria contra emigrantes retornados, tendo en conta as sentenzas do TSXG contrarias implicando a devolución dos ingresos ás persoas afectadas.

O colectivo agarda con esperanza o apoio unánime dos grupos para rematar coa arbitrariedade na aplicación da norma por parte da Axencia Tributaria Española.

O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, ao igual que todas as plataformas galegas deste colectivo, agardan con esperanza a aprobación por parte dos grupos con representación no Hórreo desta iniciativa, xa que suporía o fin dunha persecución inxusta e arbitraria por parte da Axencia Tributaria Española.

Con todo recoñecen que de aprobarse esta modificación, non supón a consecución dos seus obxectivos ao non contar a Xunta de Galiza con competencias plenas en materia tributaria, mais supón un paso adiante na liña de que o goberno do Estado afronte as reformas reclamadas, polo que agardan do goberno galego as xestións e a presión necesaria para a súa modificación.

O colectivo mariñao, non quere desculpas nin saídas pola tanxente, quen hoxe apoie esta iniciativa terá os parabéns da xente afectada por esta persecución indecente e inmoral contra traballadores e traballadoras que tiveron que botar moitos anos fora da terra na busca de sustento e futuro.

Quen non o faga retratarase como cómplice dunha estafa contra milleiros de persoas que non buscaron nunca defraudar ao contrario daqueles aos que este mesmo ano a mesma administración tributaria premiou con amnistíaas fiscais.

Proposición de Lei relativa á tributación das pensións públicas de emigrantes retornados
Foi o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego o que presentou unha Proposición de Lei de reforma da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, relativa á tributación das pensións públicas percibidas por persoas emigrantes retornadas de estados cos que existe convenio sobre dobre imposición.

Exit mobile version