Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregáronse os premios do XIV Certame de Poesía Díaz Jácome en Mondoñedo

diaz-jacome2013Mondoñedo, 21 de decembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou este sábado na entrega de premios do XIV Certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores, iniciativa literaria que organiza o Concello de Mondoñedo en colaboración coa área de Cultura da institución provincial. No acto, que se celebrou no salón de plenos do consistorio mindoniense tamén participaron o alcalde de Mondoñedo, Orlanzo González Cruz, e o ex-presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreira Fernández.

O chantadino Rafael Lobelle González impúxose como gañador nesta XIV edición, que contou con máis dunha trintena de traballos presentados, coa obra “Da retranca dos teus ollos”, o segundo premio foi para José Manuel Castiñeira, coruñés asentado en Palas de Rei, que presentou a obra “Petan na alma silencios”; mentres que o terceiro recaeu na obra da coruñesa Andrea Maceiras, “Auga lonxincua”.

Durante o acto de entrega, Antonio Veiga congratulou a todos aqueles que participaron neste certame, e explicou que “se trata dunha convocatoria que supón unha oportunidade idónea para a promoción de novas promesas da literatura en verso do noso País, ao mesmo tempo que fomenta o uso da lingua galega máis alá do ámbito cotiá”.

“Dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, nomeadamente dende as Áreas de Cultura e Normalización lingüística, apoiamos todas aquelas iniciativas que favorecen a cultura e lingua galegas, algo moi necesario nunha época tan difícil para o noso idioma. Tanto é así, que ademais de promover esta nova edición do Certame de poesía Díaz Jácome, vimos de colaborar tamén no Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, convocado, no pasado mes de novembro”, concluíu o vicepresidente.

Exit mobile version