O xacemento está ubicado na beira do río Alesancia -oficialmente río Grande- que coincide cunha liña de falla moi visible na parede de pizarra da súa beira esquerda. Nunha repisa natural deste escarpe, pola que pasou tradicionalmente o camiño entre As Anzas e Salcedo, é onde se atopan estas gravuras. A interpretación que tradicionalmente se lle deu a este lugar máxico foi que nel reside un encanto en forma de rapaza loira que ten unha galiña con pitiños de ouro; aquel que pase por este camiño nos días próximos ao San Xoan, pode sufrir o encantamento que o fai desaparecer engulido pola pedra. O certo é que a vecindade tivo sempre bo coidado de evitar pasar polo lugar nos días sinalados polo solsticio de verán, …por se acaso
As gravuras reproducen, dende o lado norte, pegadas de pes humáns, e dende o sur, pegadas de oso, que parecen encararse no centro da rocha. Desde a arqueoloxía, como todos os petróglifos, resulta arriscado dar explicacións sobre o seu significado, sen dúbida simbolico. Como se explica na web Terrae Antiquae, hai implicacións astronómicas relacionadas co solsticio de verán, e a combinación de pegadas humanas e de oso poderían ter relación coa conversión de home en oso, símbolo da asunción do poder.
Próximo a este lugar, Vicente e Elia ensináronnos outros puntos de interese, un castro situado na márxe dereita do río. Vicente lembra ter entrado co seu tío, hai moitos anos, nunha cova de muros e cuberta de pedra. Aínda é facil ver altos muros parcialmente derruidos pola maquinaria que trazou a pista de acceso a este imponente castro. Tamén nos ensinou unha desas rochas de seixo branco próximas aos xacementos castrexos que algúns arqueólogos interpretan como lugares ceremoniais.