Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adiantará antes de finais de ano 250.000 euros ós Concellos cumpridores dos GES

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a addenda da Xunta ó convenio dos GES, pola que houbo que esperar máis de 6 meses, na que por fin se determina como se realizan as transferencias económicas ós Concellos das administracións que financian os Grupos de Emerxencia Supramunicipais, é dicir, Xunta de Galicia, Deputacións provinciais e FEGAMP. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que “remata deste xeito o bloqueo da Xunta ó convenio dos GES. As administracións poden realizar as transferencias económicas ós Concellos. A Deputación farao de xeito inmediato. Antes de finais de ano, adiantemos os municipios cumpridores 250.000 euros, que representan o 70% do orzamento total para dous anos, que ascende a 350.000 euros”.

A institución luguesa foi a única administración que detectou graves erros na redación do convenio de colaboración dos GES entre Xunta de Galicia, Deputacións galegas e FEGAMP. Fíxoo en maio, alertando de xeito inmediato á Xunta para a súa corrección, posto que isto impedía a aprobación definitiva do convenio e, o que é máis grave, realizar as achegas económicas correspondentes das administracións implicadas ós municipios. Xa en maio, a propia Xunta de Galicia confirmou a existencia destes erros, que versan sobre a transferencia orzamentaria ós municipios e a localización dos grupos.

Ante esta confirmada situación, xa hai máis de medio ano que a institución solicitou á Xunta unha addenda ó convenio para desbloquealo. O Goberno galego enviou unha primeira addenda hai tan só 20 días coa que, non só non se solventaban estes erros, senón que se alteraban os baremos para a contratación do persoal, establecendo que non era necesario o concurso oposición e fixando a selección dos traballadores só en base a un temario.

É dicir, a primeira addenda da Xunta rachaba coas bases de selección comúns acordadas por todas as administracións implicadas para garantir a igualdade de oportunidades. No caso de ser aprobada, quedaría regularizada a situación dos Concellos de Guitiriz, que alternou as bases de selección, de Quiroga e do Courel, que realizaron concursos de méritos e non de oposicións, dos que resultaron contratados a irmá da Alcaldesa do Courel e un primo carnal do seu marido, entre outras persoas afíns ó PP.

O 4 de decembro, durante a celebración dunha Comisión de Seguimento dos GES, a Deputación conseguiu que a Xunta aceptase realizar unha nova addenda (a aprobada hoxe pola Xunta de Goberno) que responde ás carencias e corrixe os erros do convenio inicial.

Melloras no contorno do Rato e Fervedoira
A sesión aprobou un proxecto de 150.000 euros para melloras no contorno dos ríos Rato e Fervedoira, que inclúe as zonas de Paradai, A Chanca e O Rato, afectadas polas riadas. Con esta iniciativa, que será executada por técnicos provinciais de Suplusa, a institución levará a cabo as seguintes actuacións: arranxo dos muros de mampostería en 1.600 metros, retirada dos escombros do cauce, reconstitución dos taludes ou reparación de socavóns.

A Xunta de Goberno acordou as contas xustificativas de catro obras do plan de comunidades veciñais, executadas en núcleos rurais de Antas de Ulla, O Valadouro, A Pontenova e Pedrafita do Cebreiro, dotadas de 36.200 euros da Deputación.

Exit mobile version