Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia e Asturias colaborarán na xestión de emerxencias en zonas limítrofes

CX512O Consello da Xunta aprobou este xoves o texto dun convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias para acadar unha resposta coordinada e eficaz ante situacións de emerxencia graves nas zonas limítrofes entre ambos os dous territorios. Este convenio oficializa a tradicional colaboración en materia de protección civil e xestión de emerxencias entre estas autonomías, que teñen na loita contra o lume unha das principais prioridades dos seus gobernos.

O convenio promoverá a realización de accións conxuntas dirixidas á acadar a óptima coordinación operativa e a realización das actividades de planificación e preparación necesarias para asegurar unha resposta inmediata e eficaz ante situacións que poñan en risco as vidas das persoas, a integridade dos seus bens e o ambiente. Así mesmo, promoverá o intercambio de información, coñecemento mutuo e formación técnica recíproca en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

En concreto, ambas as comunidades asumirán o compromiso de someter a súa colaboración e asistencia mutua a procedementos operativos de intervención, baseados nos criterios de reciprocidade, comunicación permanente -sempre a través dos centros 112- e mando único. Este último será designado pola comunidade afectada ou de común acordo cando a incidencia afecte aos dous territorios.

Así mesmo, comprométense a elaborar un Plan de actuación conxunta, no cal se acometerá a redacción de protocolos operativos específicos e programas de visitas, formación, prácticas e simulacros conxuntos. Tamén intercambiarán información cartográfica e relativa ao Catálogo de medios e recursos dispoñibles para atender as emerxencias.

Os municipios limítrofes incluídos no marco deste convenio son Ribadeo, Trabada, A Pontenova, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna, pola parte galega; e Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Santa Eulalia de Oscos, Grandas de Salime, Allande e Ibias, en Asturias.

Exit mobile version