Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia considera que os socialistas están a usar a sanidade coma unha arma de confrontación política

Burela, 13 de decembro de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, considera que o PSOE de Burela está a usar a sanidade coma un arma de confrontación política e está utilizando a aqueles cidadáns que de boa fe se preocupan por este asunto. Así se pronunciou tras a sesión plenaria extraordinaria celebrada no Concello hoxe a petición do grupo municipal socialista. Barcia subliñou que o Hospital da Costa non perdeu servizos desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta e que tampouco se produciron privatizacións.

Para o rexedor “no pleno extraordinario celebrado hoxe a petición do grupo municipal do Partido Socialista quedou perfectamente clara a irresponsabilidade do PSOE en Burela ante asuntos de gran calado e de gran importancia. Tamén quedou bastante clara a postura do equipo de goberno, que en todo momento deu respostas ás preguntas formuladas pola oposición e que en todo momento damos resposta ás demandas que formula a sociedade”.

González Barcia explicou que “en materia de sanidade, nosoutros estamos traballando pola ampliación do hospital. Desde que o señor Feijoo goberna a Xunta de Galicia non hai no Hospital da Costa ningún servizo privatizado que non estivera xa así de antes e non se perdeu ningún servizo sanitario desde que o señor Feijoo é presidente da Xunta. En todo caso tense gañado algún servizo adicional, por exemplo recentemente se puxo en marcha o servizo de hospitalización a domicilio, que o Partido Socialista se negou no seu momento a poñer en marcha”.

O alcalde burelés lembrou que “o único compromiso oficial dun presidente da Xunta, plasmado no Diario Oficial de Galicia, é o do actual, Alberto Núñez Feijoo, onde se anuncia a licitación do plan director do hospital. Polo tanto, neste tema as cousas teñen que quedar moi claras, exactamente igual que ten que quedar claro que o Partido Socialista non é de fiar en materia de sanidade. Está usando a sanidade como un arma de confrontación política e está utilizando a aqueles cidadáns que de boa fe se preocupan pola sanidade, que en definitiva somos todos. O que pasa é que algúns traballamos desde un lado e outros traballan desde o outro”. González Barcia puxo varios exemplos: “en agosto do ano 2008 o señor Touriño, presidente por aquel entón da Xunta de Galicia, anunciou a bombo e pratiño nunha reunión socialista en Cervo un investimento no hospital para o ano 2009 de dez millóns de euros, cantidade que nunca chegou a estar nos presupostos da Xunta do 2009, que foron feitos polo goberno bipartito. Quero recordar tamén que o por aquel entonces alcalde de Burela e actual portavoz do grupo socialista, o señor Llano, anunciou tres veces en outras tantas sesións plenarias da Corporación Municipal de Burela un investimento de 7 millóns de euros. Conclusión: o señor Touriño non cumpriu e o señor Llano tampouco cumpriu. E unha persoa que en política non cumpre o que promete e o que di e non da ningunha explicación non é de fiar. Polo tanto nós non nos fiamos en absoluto do que di o Partido Socialista en materia de sanidade”.

O rexedor engadiu que “cando dicíamos que non hai ningún servizo privatizado convén recordar un caso que aconteceu coa Xunta bipartita: Antolín Rodríguez, que foi secretario xeral do Sergas, firmou convenios para privatizar servizos trasladando enfermos ao hospital Arquitecto Marcide, de Ferrol, e ao San Rafael, da Coruña. De feito o señor Antolín Rodríguez, despois de cesar a petición propia como secretario xeral do Sergas, foi alto cargo directivo do complexo hospitalario San Rafael, centro privado que está na cidade da Coruña. Polo tanto non admitimos leccións do Partido Socialista en materia de privatización de servizos sanitarios”.

Na sesión plenaria desta mañá José Mª González Barcia reiterou que “co presidente Feijoo no Hospital de Burela non se ten privatizado ningún servizo sanitario que non estivera xa antes. Polo tanto nosoutros en materia de sanidade non vamos seguir as directrices que queira marcar o Partido Socialista. En todo caso vamos seguir traballando pola ampliación do Hospital de Burela, como fixo este alcalde e este equipo de goberno, chegando a un compromiso co Ministerio de Fomento para rebaixar a liña de afectación da actual variante, pasándoa de 100 a 25 metros, cousa pola cal o señor Llano non investiu nin un só minuto do seu tempo como alcalde. Tanto é así que o señor Llano descoñecía ata hai moi pouco tempo que o hospital de Burela non se podería ampliar coa liña de afectación da variante a 100 metros. Parece mentira que un señor que presume de defender os intereses do conxunto dos cidadáns non se decate destas cousas, porque o primeiro que había que facer para poder ampliar o Hospital de Burela era rebaixar a liña de afectación da variante e despois acelerar a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e aprobalo provisionalmente e definitivamente canto antes, ao que o señor Llano votou en contra. Polo tanto este señor está enganando aos cidadáns, non é de fiar, polo que nós non vamos facer seguidismo do que diga o Partido Socialista e moito menos do señor Llano”.

Exit mobile version