Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia reuniuse coa directora do IGVS para tratar sobre os documentos de planeamento das zonas prioritarias para desenvolver o PXOM

Burela, 18 de decembro de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, reuníuse este mércores en Compostela coa directora do IGVS, Teresa Gutiérrez, para falar dos documentos de planeamento daquelas zonas que son prioritarias para desenvolver o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Burela. O IGVS podería colaborar co Concello neste asunto. Será en todo caso cando o PXOM sexa aprobado definitivamente.

O rexedor explicou que “como se sabe, o Plan Xeral de Ordenación Municipal do noso concello está xa na Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva e eu espero que non tarde moito en chegar; pode ser dentro dous, tres ou catro meses. Pero tamén hai que ter en conta que o PXOM dun concello non é un documento para toda a vida, pois desde que se aprobe definitivamente non se pode deixar nun caixón nin nun armario, senón que hai que empezar a desenvolvelo. E nese sentido desde o equipo de goberno temos a firme intención de que para o día seguinte de que o plan xeral de Burela sexa aprobado definitivamente comezar a traballar para o seu desenvolvemento. Vai haber que facer plans parciais e sectoriais; en definitiva, vai haber que elaborar documentos de planeamento para máis adiante levar a cabo xa os documentos de desenvolvemento das zonas que nosoutros entendemos que deben ser prioritarias”.

González Barcia sinalou que “nese sentido hoxe mantivemos a primeira conversa, porque seguro que haberá moitas máis, coa directora do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, Teresa Gutiérrez, para intercambiar impresións sobre a posible colaboración entre o IGVS e o Concello de Burela de cara levar a cabo eses documentos de planeamento daquelas zonas de Burela que nosoutros entendamos que son prioritarias á hora de desenvolver o plan”. Segundo o alcalde burelés “é moi probable que se establezan marcos de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Burela, polo que podería acontecer que técnicos do propio IGVS colaborasen para levar a cabo eses documentos de planeamento. Neste momento, evidentemente e ante a situación do propio plan, que aínda non está aprobado de forma definitiva, non nos plantexamos ningunha zona en concreto sobre a que actuar, polo menos co Instituto Galego de Vivenda e Solo. O equipo de goberno ten xa unha idea, máis ou menos perfilada, daquelas zonas sobre as que nosoutros queremos actuar, pero é un pouco prematuro falar das mesmas ata que o plan xeral non quede aprobado de forma definitiva”.

O rexedor dixo que “establécese un primeiro contacto entre o IGVS e o Concello de Burela, que eu creo que vai ser positivo, porque independentemente de que eles nos poidan ou non elaborar eses documentos de planeamento si é certo que a súa achega en canto a técnica e experiencia pode ser moi importante para un Concello como o noso, que non dispón dos medios técnicos suficientes como para elaborar este tipo de documentación. Un plan parcial ou un plan sectorial non son documentos sinxelos, precisan duns coñecementos técnicos amplos e dun equipo de xente numeroso, que nosoutros agora mesmo non temos”.

José Mª González Barcia fixo unha valoración positiva do encontro mantido hoxe en Santiago: “eu saio satisfeito desta reunión, desta primeira toma de contacto, que vai haber máis. Ata que o plan non quede aprobado de forma definitiva vamos ver como se concreta en futuras reunións esta colaboración. Pero entendo que é hora xa de ir dando pasos, porque o plan xeral é un documento vivo e como tal hai que desenvolvelo. E nese sentido estes son os primeiros pasos que damos de cara a esa intención e confiando en que desde o Instituto Galego da Vivenda e Solo se nos axude, que eu creo que así vai ser. Haberá que concretar máis adiante cales van ser os termos desa axuda en función de como quede definitivamente aprobado o plan xeral”.

Exit mobile version