Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia reuniuse con representantes dos traballos e a asociación O Vencello para falar sobre os orzamentos municipais de 2014

reunion-ovencelloBurela, 20 de decembro de 2013. O pleno no que se someterán a aprobación os presupostos municipais de Burela para o 2014 será o vindeiro xoves, 26 de decembro, ás 10 da mañá. Este venres o alcalde, José Mª González Barcia, mantivo xuntanzas cos representantes dos traballadores e coa asociación de veciños O Vencello para falar dos orzamentos.

O rexedor explicou que “a primeira reunión tivo lugar ás nove e media da mañá e foi cos representantes dos traballadores, unha xuntanza que é preceptiva por lei para informalos dos posibles cambios en materia salarial de cara ao próximo ano 2014. Os soldos, tal e como está estipulado por lei, non varían con respecto ao presente ano e en todo caso vanse recuperar as pagas extras que se indique desde o goberno do Estado. Eu quero recordar que o Concello de Burela dende o momento en que nosoutros chegamos ao goberno municipal, en xuño do ano 2011, mantivo a mesma plantilla, tanto de funcionarios como de persoal laboral fixo, e agora mesmo temos completamente ao día o pago das nóminas. E cando digo que mantivemos a plantilla é que non se levou a cabo absolutamente ningún despido nin de funcionarios, por suposto, nin de persoal laboral fixo”.

González Barcia contou que “a segunda xuntanza foi a comisión informativa de asuntos de pleno, onde se trataron dous asuntos. Un deles ten que ver co Plan Xeral: é unha documentación que se enviara a solicitude da Secretaría Xeral de Urbanismo e que agora nos din que hai que aprobala en pleno. Polo tanto na sesión que se vai celebrar o próximo xoves, día 26, ás dez da mañá se vai levar este asunto para tramitalo canto antes coa Secretaría Xeral de Urbanismo. Na mesma comisión informativa de asuntos de pleno tratáronse os presupostos, que foron informados favorablemente cos votos do grupo municipal popular e coas abstencións tanto do Partido Socialista como do grupo mixto”.

O alcalde burelés engadiu que “a última reunión foi unha que xa ven sendo habitual nos últimos anos coa asociación de veciños O Vencello, que é o colectivo veciñal maioritario no noso concello, para informalos das liñas mestras do presuposto municipal. Nese sentido na xuntanza co Vencello abordamos distintos asuntos, xa non soamente da propia competencia do Concello senón tamén vinculados con previsións de obras a facer por outras administracións”. Segundo González Barcia “a reunión foi cordial, como non podía ser doutro xeito, e nós a partires de agora poñerémonos a traballar para atender na medida das nosas posibilidades as peticións que O Vencello nos fixo, que en todo caso pasan por cuestións e accións que teñen máis que ver co día a día, con aquilo que máis inflúe na vida dos veciños, que con obras grandes. Aínda así eles están interesados por algunhas cuestións, como por exemplo polos prazos da obra do acceso ao porto, que xa se sabe que está consignada nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2014. De tódolos xeitos de todas estas cuestións que hoxe falamos coa asociación de veciños O Vencello iremos dando conta nas próximas semanas porque esas actuacións que teñen que ver co día a día non son para levar a cabo en 15 días nin nun mes. Polo tanto seguramente que ao longo dos próximos meses iremos falando destas cuestións”.

Exit mobile version