Site icon Crónica3.com A Mariña

Iniciadas as obras de renovación da fontanería no CEIP Cervo nas que o Concello inviste uns 5.000 euros

obras_fontaneriaCervo, 19 de decembro de 2013- O Concello de Cervo informa de que esta semana iniciáronse as obras de renovación da instalación de fontanería da maior parte do edificio do CEIP Cervo, que supoñen un investimento duns 5.000 euros sufragados pola administración local con fondos propios.

Uns traballos que inclúen a colocación de novas tubaxes, que substituirán a antiga instalación, que presenta na actualidade certas deficiencias en canto a humidades e filtracións de auga. Así, con esta medida, anularase a canalización anterior e activarase a nova co obxectivo de evitar constantes reparacións da instalación vella e atallar o problema de raíz.

En concreto, estase actuando nas canalizacións de fontanería de oito aseos da planta baixa e do primeiro andar, nas que se están instalando tubaxes de aceiro inoxidable, un material que vén a mellorar as antigas canalizacións de cobre que funcionaban no centro ata o de agora.

O Concello leva a cabo as obras despois de que hai unhas semanas o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Educación, Pilar Armada e técnicos municipais visitasen o colexio para coñecer as zonas de máis urxente actuación e decidir as medidas a adoptar. Unha xuntanza que fora convocada pola ANPA e a directiva do centro e na que se determinou que a instalación de fontanería era unha prioridade.

“Consideramos moi importante apoiar aos centros educativos do municipio, tanto a través de axudas para o fomento de actividades como no mantemento e conservación das instalacións” explica Armada, que hoxe estivo no centro xunto ao rexedor e técnicos municipais comprobando a evolución dos traballos, que previsiblemente rematarán mañá.

Exit mobile version