Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Outeiro califica a venda de NovaGalicia Banco a Banesco como un “novo atraco ao pobo galego”

Lugo, 20 de decembro de 2013. Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial e portavoz nacionalista na institución, valorou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno semanal, a venda de NovaGaliciaBanco a Banesco e asegurou que “estamos diante dunha nova fase do atraco ao pobo galego que comezaron Méndez e Gayoso, directivos das antigas caixas galegas, e continúa agora con esta compra de NovaGaliciaBanco por parte de Banesco. A nova propietaria da entidade vai ter 1.700 millóns de euros para ter liquidez e poderá con iso facer novos negocios a conta dos nosos aforros”.

A pesar da importancia que por si mesma ten esta operación, Outeiro sinalou que “aínda hai algo máis importante, que é a capacidade dos galegos e das galegas de xerar aforro neto, até o punto de que mentres na media do Estado español este mantívose inalterábel no período 2010/2012, en Galiza aumentou arredor dun 5 por cento, na mesma proporción que o crédito aumentaba no Estado e descendía en Galiza. Somos un país que xera aforro pero pola contra non se beneficia de ningún tipo de crédito. Isto é unha consecuencia do sistema financeiro actual que é totalmente negativa para nós”.

Desde a Vicepresidencia da Deputación provincial valoran “moi negativamente” este dato que tachan de “preocupante polas consecuencias que xera en termos de emprego e porque, ademais, á marxe do beneficio inmediato que xera a compra para Banesco, o novo propietario contará cos depósitos dun territorio que produce máis aforro neto e cun centro de mercado en réxime de práctico oligopolio”.

O portavoz nacionalista insistiu en que Galiza non ten nada que celebrar neste asunto. “Cando algúns parecen celebrar a operación que rematou con Banesco adquirindo os aforros dos galegos e galegas, non podemos dar por boa esta operación: por un lado en ningún momento garante que o espolio das preferentes vaia ter solución, seguindo cos millóns de euros froitos do noso traballo inmobilizados; e por outro, non está claro que a situación das entidades bancarias non vaia cambiar, xa que o plan de reestruturación é descoñecido até o de agora”.

“Non nos imos resignar diante desta mala venta do noso país que acaba de facer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; seguiremos a reclamar que Galiza conte cun sistema financeiro de seu que garanta a posibilidade de desenvolver os nosos sistemas produtivos” – concluíu Mario Outeiro.

Exit mobile version