Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados acusan ao PP de traizoar os intereses do colectivo ao non aprobar modificar a lexislación tributaria que lles afecta

A Mariña, 19 de decembro de 2013. O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña amosa a súa decepción polo acontecido no Parlamento de Galiza na sesión do martes 17, onde o grupo do PP votou en contra da proposta do grupo do BNG na que se reflectía a reivindicación dos colectivos de retornados, referida á modificación da lei que fixa dúas cantidades diferentes (11200 € e 22000 €) á hora de facer a declaración da renda dependendo de se o contribuínte ten un pagador ou máis dun, algo que afecta aos administrados en xeral pero aos retornados en particular.

Este feito elimina toda esperanza dun acordo do Parlamento de Galiza para trasladar á administración estatal e lograr que se mude unha lei tan inxusta como arbitraria e oportunista.

Dende o Colectivo preguntámonos que cambiou en tres meses, cando unha iniciativa socialista emendada polo PP foi aprobada por unanimidade, e todo os grupos do Parlamento Galego avogaron pola revisión das sancións, pola ampliación dos prazos de pagamento ou por que os retornados non foran tratados como defraudadores. O colectivo criticou a actitude do goberno da Xunta que non fixo nada a partir da aprobación deste acordo unánime xa que os e as afectadas seguen recibindo cartas con sancións e intereses de demora.

Despois disto, consideramos que o grupo parlamentar do PP virou as costas aos emigrantes retornados, xa que non entendemos que o grupo maioritario do noso parlamento non atenda as reivindicacións duns sectores que representan amplamente a sociedade galega: Emigración e terceira idade, que en moitos casos son soporte económico das súas familias nun contexto de crise e desemprego como o que sofrimos.

Galiza é un país de emigrantes, ignorar ás reivindicacións dos retornados supón vivir de costas á realidade galega, mais tamén á súa idiosincrasia e á súa historia.

Perplexos e decepcionados, só nos queda agradecer o apoio dos 31 deputados e deputadas que votaron a prol da iniciativa na que depositáramos tantas esperanzas.

Exit mobile version