Site icon Crónica3.com A Mariña

Novas Xeracións renova este sábado a súa organización local en Mondoñedo

Lugo, 18 de decembro de 2013.- Novas Xeracións renova este sábado, 21 de decembro, a súa organización local en Mondoñedo, durante o transcurso dun congreso que se celebrará ás 18:00 horas, no salón de actos da Casa da Xuventude do municipio.

Beatriz Meilán é a única candidata que opta á presidencia local, polo que se prevé que a moza mindoniense vinculada dende fai anos á política municipal será a sucesora no cargo de Alberto García.

Alberto García deixa a presidencia da agrupación unha vez transcorrido o período á súa fronte, co obxecto de que novas persoas podan continuar o camiño iniciado fai tres anos; polo que anima á xuventude a formar parte da política municipal a través de Novas Xeracións.

Programa do Congreso Local de Novas Xeracións
O programa do Congreso Local recolle para ás 18:00 horas a constitución da mesa do congreso, seguida da benvida por parte de Alberto García aos afiliados e simpatizantes que participen e durante a que fará un breve balance dos últimos anos da formación política.

Unha vez celebrada a votación, prevese a intervención da nova responsable local e a clausura do congreso coas intervencións de Daniel Vega e Elena Candia, presidente provincial Novas Xeracións de Lugo e a súa homónima á fronte do PP en Mondoñedo, respectivamente.

Campaña de recollida de alimentos
Para este fin de semana a formación de Novas Xeracións de Mondoñedo tamén ten prevista unha recollida de alimentos non perecedoiros e xoguetes no marco da campaña “Axúdanos a repartir sorrisos”.

Os que o desexen poderán depositar as súas doazóns na sede do Partido Popular de Mondoñedo (Rúa da Fonte, número 44, ao lado de Supermercados Claudio) o sábado 21 e domingo 22, de 11:00 a 14:00 horas; e o luns día 23, pola tarde, en horario de 16:00 a 21:00 horas.

Os xoguetes e alimentos non perecedoiros reunidos entregaranse a Servizos Sociais do Concello, que se encargará de distribuílos ás familias máis desfavorecidas do municipio.

Exit mobile version