Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo premio de innovación educativa para o instituto Perdouro de Burela

boaspracticas-perdouroA resolución da convocatoria dos premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso 2012-2013 trouxo de novo o recoñecemento para a renovación pedagóxica na Mariña. Dous centros da comarca foron distinguidos con cada o seu premio: O CEIP Santa María do Valadouro recibiu un accesit por unha boa práctica titulada “Competentes coas competencias” e o Instituto Perdouro de Burela fíxose co 2º premio na modalidade de “Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega”.

Con estes premios a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria valorou as boas prácticas innovadoras que se desenvolveron nos centros educativos galegos durante o curso 2012-2013 e que supuxeron unha mellora da calidade do ensino. Segundo o departamento da Xunta de Galicia, tratouse de incentivar a “participación nos procesos de innovación e investigación co propósito de renovar a práctica docente” para adecuar esta ás necesidades da sociedade. Neste sentido, as boas prácticas premiadas supoñen unha mostra real da renovación do sistema educativo, que responde así ás demandas sociais de novos coñecementos científicos e didácticos e que o fai tendo en conta as circunstancias cambiantes do alumnado.

Aínda que fose premiado na modalidade específica de “Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega”, a memoria de actividades presentada polo Instituto Perdouro tiña en conta todos os criterios valorados en seis dos apartados en que se concedían premios ás boas prácticas docentes: 1) a mellora da convivencia nos centros educativos, 2) a atención á diversidade en todas as súas vertentes, 3) o uso innovadora das tecnoloxías da información e a comunicación, 4) o desenvolvemento das competencias básicas, 5)a mellora na aprendizaxe das linguas estranxeiras; e 6) a mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega.

O repertorio de actividades realizado polo Instituto Perdouro no pasado curso académico seguiu os criterios de interculturalidade “Modelo Burela”, en aplicación neste centro educativo desde 2004; uns criterios centrados na relación fluída entre a actuación educativa e o contexto social da nosa comarca. Neste sentido, este novo premio de innovación –o sétimo consecutivo que consegue este centro- supón tamén un recoñecemento para o ceramista astur-galego Estéfano Gudín (que colaborou nos obradoiros “Cerámica con Identidade”, en homenaxe a Isaac Díaz Pardo); para o artista mindoniense Ton Arenas (que fixo o propio nun obradoiro de creación de espectáculos); para o dramaturgo Francisco Piñeiro (que presentou unha panorámica do teatro na Mariña); para o bengalí Anik Nandi, as irlandesas Bernie O’Rourke e Nicola Berminghan; e para o escritor madrileño Matías Escalera (que participaron en obradoiros de plurilingüismo); para o elenco artístico que dinamizou os obradoiros de música (as cabo-verdianas Nós Bandera; a luguesa Evinha; e –moi especialmente- o grupo Son de Nós, dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso); para o equipo pedagóxico que estudou integramente a comunicación corporativa do comercio de Burela (unha actividade coordinada polo profesor Luís Ramilo Machado, do departamento de Imaxe); e, finalmente, para os centenares de persoas que semanalmente, ao longo de todo o curso, participaron nos programas de Proxecto Neo, a nosa Radio Escolar que conta con audiencia moi fiel en moitos lugares do mundo desde Corea e a China ao Canadá.

Exit mobile version