Site icon Crónica3.com A Mariña

O alumeado de Nadal de Burela será colocado a partir deste mércores en 32 puntos indicados pola ACIA

Burela, 17 de decembro de 2013. Este mércores comezarán a colocarse o alumeado de Nadal en Burela. Está composto por 32 arcos de luz “que se instalarán nos lugares elixidos pola asociación de comerciantes. A intención é que poida poñerse en funcionamento o xoves ou o venres desta semana”, segundo explicou este mediodía o alcalde, José Mª González Barcia.

O rexedor subliñou que “se trata dun alumeado modesto e humilde, que recuperamos este ano, tal e como fixemos tamén cos subvencións concedidas ás asociacións e entidades deportivas, sociais e culturais de Burela. Imos facendo cousas na medida das nosas posibilidades”.

“Desde o equipo de goberno colaboramos todo o que está nas nosas mans con ACIA, e agardamos que a iluminación de Nadal anime ós cidadáns a saír ás rúas e a dinamizar o comercio burelés, un comercio forte e profesional. Deste xeito queremos contribuír a manter os postos de traballo deste sector”, engadiu o alcalde burelés.

González Barcia tamén dixo que “desde o Concello recoñecemos o esforzo que se fai desde a asociación de comerciantes, e por iso o equipo de goberno se implica, porque vemos que colaborando podemos ser máis fortes e facer máis cousas”. O rexedor recoñeceu unha vez máis “a labor e traballo que se está a realizar desde ACIA Burela”.

En Burela xa foi instalada a árbore dos desexos o pasado 4 de novembro na praza do Concello.

Exit mobile version