A Mariña, 4 de decembro de 2013. O BNG da Mariña apoia e comparte as demandas dos sindicatos convocantes da folga xeral na sanidade pública galega os días 9 e 10 de decembro a anuncia a súa participación na mobilización que sairá ás 20:30 do martes 10 de decembro do Hospital da Costa. A organización nacionalista afirma que o Partido Popular está decidido a desmantelar e privatizar o sistema público de saúde impoñendo repagos por servizos sanitarios co obxectivo de degradar a sanidade pública e empuxar á cidadanía a adherirse ao sistema privado, en mans de grandes corporacións financeiras que xa foron salvadas con grandes inxeccións de diñeiro público. Os nacionalistas ademais piden a mobilización da sociedade mariñá para contestar a desfeita nos servizos sanitarios comarcais, tanto en asistencia primaria como especializada, despois da aplicación do Decreto de Xestión Integrada.
O PP puxo en marcha unha contrarreforma do sistema sanitario público para entregalo en mans privadas.
O BNG comparte os motivos que levan a sindicatos do ámbito sanitario á convocatoria da folga xeral prevista para os días 9 e 10 de decembro. Para os e as nacionalistas mariñáns estamos diante dun proceso de degradación calculada do sistema sanitario público con medidas como os repagos de medicamentos, próteses ou ambulancias que afectan sempre á parte mais débil da sociedade como son os e as pensionistas, enferm@s crónic@s e a xente con menos recursos.
Para os e as nacionalistas o Partido Popular, tanto no goberno da Xunta como no Estatal, está aplicando unha auténtica “contrarreforma do sistema sanitario público co fin de privatizalo e entregalo nas mans das grandes corporacións financeiras e aseguradoras”. En boa medida as grandes beneficiadas, antes coa orxía do urbanismo depredador, despois pola inxección de cuantiosas axudas públicas para salvalas do pinchazo da burbulla inmobiliaria que elas mesmas crearon e agora co suculento negocio sanitario que o PP pon nas súas mans.
A degradación da sanidade pública na Mariña require unha contestación contundente do conxunto da sociedade.
O BNG mariñao non esquece que a situación sanitaria na comarca require unha resposta contundente do conxunto da sociedade, “esta non é unha mobilización do persoal sanitario na defensa dos seus dereitos, é unha mobilización para salvar a sanidade pública”. Neste sentido fan un chamamento á participación masiva da sociedade mariñá para poñer freo ao desmantelamento dos servizos sanitarios na mariña, tanto en asistencia primaria como especializada.
Lembran a perda de prazas de facultativos nos concellos de Cervo, Xove e Ribadeo ou derivación a centros públicos e privados fora da comarca, obrigando a doente con patoloxías graves e non tan graves a desprazarse fora da comarca o que supón un retroceso de case trinta anos na sanidade comarcal.
Para o BNG a aprobación do Decreto de Xestión Integrada, xunto cos masivos recortes no financiamento da sanidade pública por parte do SERGAS, ademais supoñer a perda de autonomía do Hospital da Costa – este ano xa non conta con orzamento propio – provoca o seu desmantelamento progresivo con redución de servizos que antes se prestaban na comarca e traslados constantes de persoal do Hospital da Costa para reforzar os servizos no HULA.
Os dirixentes do Partido Popular na Mariña “foron e seguen sendo responsábeis directos da degradación sanitaria na comarca por avalar, consentir e calar diante da desfeita que os recortes do SERGAS e a xerencia provincial das áreas sanitarias de Lugo están acometendo na nosa comarca”. Non pode ser que alcaldes e dirixentes comarcais deste partido, coñecedores da situación, sigan mantendo o silencio como resposta ás constantes informacións que avalan a degradación do sistema polo que dende o BNG lles esiximos que dean a cara e deixen de as posicións partidistas para colocarse do lado da cidadanía.