Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz – O Valadouro denuncia que “o PP tumba no Parlamento a posibilidade de dotar á bisbarra do Ouro dun polígono industrial”

O Parlamento Galego debateu este mércores os orzamentos para o 2014 onde o grupo parlamentar do BNG presentara unha enmenda através da que se plantexaba unha partida de 500.000 € adscrita á Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas dedicada á dotación dun polígono industrial conxunto para os concellos de Alfoz e O Valadouro.

O PP votou en contra, co que un ano máis a comarca do río Ouro quedará sen a posibilidade de ver materializada unha reivindicación histórica do BNG local, que contou dende sempre cunha magnífica acollida por parte da veciñanza, crear solo industrial para o asentamento das empresas locais que están a marchar fóra do val e máis para atraer investimentos exteriores.

O BNG tamén quere amosar a súa estrañeza por esta inexplicábel acción do grupo maioritario no Parlamento Galego, despois de que hai uns meses, ao iniciar as negociacións da moción de confianza no Concello do Valadouro, o conselleiro Agustín Hernández aparecerá nos medios xunto ao anterior alcalde prometendo a tramitación da primeira fase e o compromiso da Xunta de comezar as obras en abrindo un rexistro de demandantes para coñecer a necesidade concreta de espazo.

PREGUNTÁMONOS:
-Trátase dunha vinganza do PP galego porque o PP local ficou afastado da alcaldía do Concello do Valadouro?
-Que teñen que facer os concellos da comarca do Ouro para teren un polígono industrial?
Ter gobernos do PP nos dous concellos?
Iso xa aconteceu durante moitos anos e o polígono nunca chegou, polo que deducimos que ademais de actuar de xeito vingativo, o PP galego actúa de maneira irresponsábel.

SÓ SE TRABALLOU A PROL DO POLÍGONO NA XUNTA DO BIPARTITO
Durante o bipartito na Xunta de Galiza, chegouse a elaborar un proxecto, e a daquela conselleira estivo na Finca Galea presentando o plano aos alcaldes (daquela os dous do PP) mais cando ían comezar as obras o bipartito perdeu as eleccións. Co PP na Xunta, o polígono da comarca do Ouro ficou de novo como un soño esvaído.

Tiramos unha conclusión, o PP ignora aos concellos da comarca do Ouro, negándolles unha infraestruturas que é xa unha reivindicación histórica, e algo que de non materializarse nestes anos, constituirá unha ferida de morte para un val que perde poboación día a día por non ser dotado das infraestruturas precisas para subir ao tren do futuro.

Exit mobile version