Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz acusa ao PP de votar en contra de todas as propostas positivas para Foz nos orzamentos

Foz a 20 de decembro de 2013.- O BNG de Foz valora como insultante para Foz que os deputados do PP votasen en contra de inversións capitais para o noso Concello como a Residencia, o Centro de Día ou a ampliación da Escola Infantil. Segundo o seu portavoz, Xan Carlos González Basanta, “o debate e aprobación dos orzamentos demostran novamente que o PP non pensa en Foz á hora de investir, que volve unha vez máis a marxinar a Foz en infraestruturas básicas como son a Residencia de Terceira Idade ou o Centro de día respecto a outros concellos gobernados polo PP e onde se construíron antes que en Foz, a pesares de que o PP se comprometeu a facelas hai varios anos. É unha auténtica vergoña”.

O BNG non ten palabras para cualificar a actuación do Goberno Galego do PP con Foz. De todas as emendas que BNG presentou aos orzamentos e que tiñan que ver con investimentos no Concello de Foz, o PP votou en contra de todas. O total dos investimentos que o BNG de Foz levou para incluír nos orzamentos de 2014 era de 1.900.000 euros. Para a Residencia inicialmente solicitamos 1 millón de euros e nin tan sequera aceptaron unha partida de 200.000 euros; para a ampliación da Escola Infantil 100.000 euros; para a apertura e posta en marcha do Centro de Interpretación do Románico en San Martiño, 100.000 euros e para a construción de vivenda protexida 700.000 euros. Pois ben, o PP votou en contra de todas estas emendas para Foz volvendo a demostrar que Foz non conta para nada.

A pesar de terse comprometido –mesmo polo propio presidente Feijoo – a rematar a Residencia de Terceira Idade con Centro de Día no ano 2015, a pesar de ter os terreos a disposición desde o ano 2008, a pesar de ter o proxecto realizado, veremos que se van a contemplar os orzamentos deste ano cando está comprometido por activa e por pasiva que a obra se rematará no 2015. “Parece mentira que Foz non conte a estas alturas cun Centro de Día que si teñen case todas as localidades da Mariña ou cunha Residencia de Terceira Idade cando outras poboacións máis reducidas a teñen”, declarou Basanta. Así mesmo, obras sociais necesarias pola demanda que existe no Concello e que o BNG solicitou como a construción de vivenda de protección oficial ou a ampliación da escola infantil non reciben un só euro e non están na prioridades do PP.
Outras que serían fundamentais para dar a coñecer a nosa vila e a nosa comarca como o Centro de Interpretación do Románico da Mariña en San Martiño de Mondoñedo son ignoradas polo Goberno de Feixóo, cando as obras xa están rematada desde cando o BNG gobernou a Xunta e dispostas para abrir.

O BNG tamén denuncia o pouco peso e a pouca preocupación que o PP local e o alcalde de Foz fan para dotar ao Concello destas infraestruturas. “É triste ter un goberno local que non abre a boca cando están vendo -como o vemos todos- que Foz está sendo marxinado ano tras ano, converténdose en cómplices desta falta de inversións tan necesarias para o noso Concello”, rematou Basanta.

Exit mobile version