Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que “cos orzamentos do PP, os veciños e veciñas de Burela van ter que pagar máis polos mesmos servizos”

Os orzamentos que ven de aprobar en solitario o PP son totalmente irreais e están inflados moi por riba da capacidade recadatoria e da capacidade de inversión que presenta o Concellode Burela na actualidade.

O PP ten pensado recadar por vía de impostos directos e indirectos e taxas públicas un 7 % máis que no exercicio anterior,supoñendo estes tres conceptos (carga sobre os veciños) un 62 % do total do orzamento, aumentando impostos e taxas por un lado e inflando a recadación en partidas que no exercicio anterior xa quedaron moi por debaixo da previsión inicial, cunha recadación inferior á metade da previsión orzamentaria inicial. Como exemplo, o imposto do lixo, recentemente incrementado polo alcalde en pleno extraordinario, e que na liquidación de 2013 presenta un exceso do orzamentado sobre o realmente obtido duns 46000 euros, mais este ano 2014 a estimación é 100.000 euros maior, aínda que o alcalde taxou a suba de Sogama en só 70.000 euros.

Os veciños e veciñas de Burela van ter que pagar máis polos mesmos servizos, pois o goberno municipal do PP é incapaz de procurar vías de financiamento que eviten a suba de impostos e taxas municipais.O PP está a aumentar de forma continuada a carga impositiva que temos que soportar todos os veciñose veciñas para manter os servizos municipais existentes, no canto de exixir á Xunta unha política económica que non afogue aos concellos e garanta a continuidade destes servizos.

Estes orzamentos poñen en evidencia queo Sr. González Barcia está máis preocupado por enmascarar a feroz política de recortes da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado que en realizar unha xestión beneficiosa para o conxunto dos veciños de Burela. O encarecemento dos servizos municipais só poden empeorar a precaria situación na que se encontran xa moitas persoas na actualidade, que se ven incapacitadas para facer fronte aos continuos recortes en materia asitencial, sanitaria e educativa, á suba de impostos e ao repagamento de servizos básicos.

Por outra banda, o orzamento de gastos non inclúe ningunha partida substancial de cara á mellora da calidade dos servizos e tampouco ningunha inversión realista para a creación de novos servizos e infraestruturas. Os orzamentos municipais non presentan ningunha novidade con respecto a anos anteriores, o que demostra a incapacidade do Sr. Barcia e do seu equipo para gobernar o Concello. A ampliación do hospital, a escola infantil e o acceso ao porto, as grandes inversións anunciadas polo PP en Burela aínda están gardadas no caixón e parece que vai haber que agardar. Tanto é así que o capítulo de Inversións Reais supón só o 3,2 % do total orzamentado.

Desde o BNG entendemos que estes orzamentos están moi maquillados para disimular a incapacidade do goberno municipal e enmascarar a feroz política de recortes do PP. Son uns orzamentos que limitan as capacidades de Burela e que repercuten nos veciños a falta de financiamento, ademais de non presentar ningunha inversión para mellorar a nosa vila e os servizos que presta o Concello. Os veciños e veciñas imos ter que pagar máis pola recollida do lixo, polo IBI, polas licenzas municipais e pola utilización de instalacións e servizos, o que vai supor un empobrecemento aínda maior de moitas persoas que a día de hoxe están a atrevesar unha complicada situación económica. O PP debe rectificar e modificar estes orzamentos que van supór un paso máis no encarecemento da vida dos veciños e veciñas de Burela.

Exit mobile version