Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG faise eco das denuncias ante a UE da Sociedade Galega de Historia Natural

A Mariña, 3 de decembro de 2013. O BNG mariñao fíxose eco da denuncia presentada pola Sociedade Galega de Historia Natural diante da UE por danos e degradación en Lugares de Interese Comunitario LICs, zonas incluídas na Rede Natura e as ampliacións da Rede Natura 2000. A organización nacionalista denuncia en concreto a multiplicación de zonas degradadas do concello de Muras incluídas nas denuncias presentadas pola SGHN correspondentes ao LIC Serra do Xistral que non son todas xa que o propio alcalde foi denunciado en numerosas ocasións por diferentes organismos, algunha delas por organismos dependentes da Xunta, sen que a propia Xunta actúe ou mais ben faga de tapón para evitar que estas acaben en sancións contra este alcalde do Partido Popular.

O alcalde de Muras non ten prexuízos á hora de agredir o medio ambiente no concello que preside
Os nacionalistas denuncian que o alcalde de Muras, Issam Algnam Azzam, signifícase por non ter prexuízos de ningún tipo á hora de respectar o medio ambiente ademais de camiñar constantemente polo fío da navalla xudicial. Neste sentido lembran que este alcalde foi denunciado e numerosas ocasións por actuacións contra o medio natural, xa en 2007 a apertura dunha canteira no municipio que preside foi obxecto de denuncia por non contar con autorizacións autonómicas e municipais ademais de superar a zona prevista para extracción, invadindo a Rede Natura. Da mesma maneira foi denunciado polos Servizos de Protección da Natureza por actuacións na aldea de Carelle, onde o goberno municipal proxecta unha aldea etnográfica en fincas actualmente municipais e anteriormente propiedade do alcalde.

Denuncias de organismos alleos ou da propia Xunta que non seguen as canles correspondentes
Ao BNG, sen desvelar as fontes de información, cónstalle que son mais as denuncias por agresións ao medio ambiente que teñen como protagonista ao Sr. Issam Algnam, alcalde dun concello que para ben ou para mal, esta en boa parte afectado pola Rede Natura e por tanto sometido a unha lexislación para a protección medio ambiental moi restritiva que o propio alcalde e o seu grupo de goberno saltan segundo lles parece.

Cal é o papel da Delegación Provincial da Xunta para velar pola lexislación medio ambiental
Os nacionalistas pregúntanse si a actuación da Delegación Provincial da Xunta correspóndese coa responsibilidade de tramitar polas canles existentes as denuncias existentes ou acaban metidas nalgún caixón da Delegada Provincial.

Ao BNG mariñao preocúpalle, á vista das denuncias ante a UE da SGHN, a actuación da Xunta que se desentende das súas responsabilidades no cumprimento da lexislación medio ambiental. Mais tamén quere chamar a atención sobre posíbeis irregularidades na tramitación de denuncias por parte da Delegación Provincial da Xunta en Lugo que parece actuar como un tapón das irregularidades cometidas por este alcalde e o seu grupo de goberno.

Exit mobile version