Site icon Crónica3.com A Mariña

O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña remata a campaña de presentación de mocións nos concellos mariñaos

O día 31 de decembro, os membros da Xunta Xestora do CERM rexistraron no Concello de Alfoz a última moción en demanda de apoio aos afectados polas sancións da Axencia Tributaria, quixeron facelo de xeito presencial para simbolizar o remate desta campaña de activismo institucional. Previsibelmente será debatida no pleno de finais de xaneiro do consistorio alfocés.

Polo de agora, a moción prosperou por unanimidade en todos os concellos da comarca (faltan uns poucos nos que aínda non foi a pleno), feito que achegou moitos ánimos aos membros do Colectivo, xa que recibiron apoios de todos os grupos políticos locais, isto viuse tinguido de incerteza e estupefacción recentemente, cando o Partido Popular rexeitou no Parlamento de Galiza unha enmenda do BNG que pedía a modificación da lei que estabelece dous límites (11200 e 22000 euros) para os contribuíntes con un ou varios pagadores, algo que afecta negativamente a moitos administrados, entre eles os retornados da emigración, por recibir pensións do Estado español e máis doutros estados. Esta negativa do PP a apoiar a problemática dos emigrantes retornados resulta incomprensíbel despois de que no mes de setembro aprobase –aínda que cunha enmenda previa- unha iniciativa parlamentar do PSdeG-PSOE en solidariedade cos retornados sancionados.

Os éxitos logrados dannos azos para seguir camiñando cara a consecución dos nosos obxectivos na procura de xustiza, e os apoios negados proporciónannos perseveranza para seguir loitando contra a inxustiza que a Facenda española está a cometer connosco.

Exit mobile version