Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello acomete o repintado da sinalización horizontal nos núcleos de Cervo e San Cibrao

Cervo, 4 de decembro de 2013- O Concello de Cervo informa de que están a piques de rematar os traballos de pintado da sinalización horizontal nas vilas de Cervo e San Cibrao. Unhas tarefas que comezaron a executarse a finais da semana pasada e que incluíron o repintado das marcas e liñas viarias como pasos de peóns, sinais de dirección, ceda ao paso, stop ou as liñas centrais e das marxes, especialmente naqueles casos de máis deterioro. Ao mesmo tempo, tamén se instalaron novos sinais de tráfico verticais.

O obxectivo destes traballos é dobre. Por unha banda, mellorar a seguridade, tanto de peóns como de condutores. E, ao mesmo tempo, potenciar o comercio local a través da mellora das infraestruturas, tendo en conta ademais da seguridade a vertente estética.

Esta medida realízase a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria, en concreto da Dirección Xeral de Comercio, e ten un custo de 20.000 euros, financiados na meirande parte pola Xunta de Galicia.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto e técnicos municipais estiveron supervisando o desenvolvemento dos traballos. Soto considera “moi importante coidar e manter en bo estado as nosas infraestruturas”. Neste caso, o mantemento é necesario xa que as estradas están expostas todo o tempo aos axentes meteorolóxicos e ao desgaste diario, pero tamén ás obras que requiren levantar o pavimento ou calquera outro factor.

Exit mobile version