Nas últimas horas, o alcalde burelés, José María González Barcia, acompañado de varios concelleiros, visitou as obras que se están levando a cabo nesas vivendas. “As vivendas estaban sen uso, estábanse a deteriorar, e o Concello precisa de locais para asociacións e para emerxencia social; de aí o noso interese en reformar e adecentar a fondo estas dúas vivendas”, manifestou o concelleiro de Obras Manuel Fernández Valle.
As actuacións que se acometen teñen que ver con fontanería, instalación eléctrica, pintura, carpintería, etc, para deixar as dependencias nun correcto estado para o seu uso. O concelleiro de Obras confía en que as obras estean rematadas a finais do mes de abril.
Pola súa banda, o alcalde burelés, José María González Barcia, agradeceulle á Xunta a súa achega en materia de formación de desempregados: “a partida da Xunta para o obradoiro compartido con Cervo e Xove ascende a cáseque 200.000 euros, incluídos os soldos de vinte e sete persoas (vinte e dous alumnos, tres monitores e dúas persoas de dirección) durante seis meses, e os materiais que se están a empregar. Sen esta axuda, Burela dificilmente podería acometer esta actuación”.