Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela destinará 123.000 euros a subvencións a colectivos en 2014

191213 Foto presupostos Burela 2Burela, a 19 de decembro de 2013. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, compareceu este xoves en rolda de prensa acompañado dos membros do equipo de goberno, para explicar as liñas básicas do presuposto municipal para 2014, que ascende a un total de 6.439.338 euros, o que supón un incremento do 3’2% con respecto a 2013. Barcia indicou que “o presuposto céntrase en tres premisas: unha, non gastar máis do que se ingresa e pagar o que se debe; dúas, manter os servizos sociais e educativos que estamos a manter; e, terceira, ir dando cumprimento ós nosos compromisos cos cidadáns”.

No que se refire á primeira das cuestións, o rexedor burelés apuntou algún datos: “oito de cada cen euros dos presupostos municipais van destinados a amortizar débeda financieira, pero resulta que deses oito euros, seis proveñen da débeda herdada do antigo Concello de Cervo, cando gobernaban os socialistas, e do crédito que houbo que pedir para pagar as facturas que deixou sen pagar o bipartito”.

Barcia indicou que o total destinado a amortizar débeda financieIra é de 524.607 euros, dos que 251.936 euros están destinados a amortizar a débeda herdada do antigo Concello de Cervo; e 134.208 euros destínanse a amortizar o crédito que houbo que pedir para pagar as facturas que o bipartito deixou sen pagar. “Pero ollo, porque en 2015 o pufo que nos deixou o bipartito suporá cáseque 69.000 euros máis, ou sexa, estamos a falar de 203.000 euros. Esta é a triste herdanza dos socialistas, que non nos deixará, por máis que lles pese, hasta dentro de oito anos”.

En canto ós servizos sociais e educativos, González Barcia sinalou que “tal e como avancei, estes presupostos blindan os servizos básicos, xa que non hai merma algunha en ningún deles, nin nos sociais nin nos educativos”.

González Barcia incidiu na terceira das cuestións: “nós anunciamos no seu día un compromiso cos colectivos e asociacións: en 2014 destinaremos dous de cada cen euros a subvencións a colectivos e asociacións. En concreto, vanse destinar un total de 123.000 euros, entre os que se inclúen a Fundación Expomar, o Burela Fútbol Sala, a Comisión de Festas e ACIA. Se excluíramos estas catro entidades, a contía total sería de 42.500 euros, en todo caso, practicamente o dobre da que se concedeu no presente exercicio de 2013. Creo sinceramente que esta é unha aposta decidida polo asociacionismo e ademais así contribuímos tamén a dinamizar a vida sociocultural do noso concello”.

No tocante ó capítulo de ingresos, o alcalde burelés manifestou que “están establecidos sobre os dereitos recoñecidos netos do presente ano 2013, e son absolutamente realistas”. E engadiu que “os impostos directos, indirectos, taxas, prezos públicos e outros suman un total de 4.011.448 euros, mentres que da Xunta e do Goberno do Estado recibiremos un total de 2.394.464 euros”.

O alcalde de Burela explicou tamén que “os soldos dos altos cargos seguirán conxelados un ano máis, e en tanto non se dispoña outra cousa por quen competa. En 2014, os soldos dos altos cargos suman un total de 86.199 euros para tres dedicacións exclusivas. En 2010, durante o bipartito, e para dúas dedicacións exclusivas e unha parcial, os soldos de altos cargos ascenderon a 98.940 euros. Cobraban 12.740 euros máis ca nós, como se ve, por traballar menos”.

Finalmente, José María González Barcia asegurou que “os presupostos de 2014 cumpren estritamente coa regra de gasto, e tamén cumpren estritamente co obxectivo de estabilidade orzamentaria. Os socialistas anunciaron a bombo e platillo que as previsións orzamentarias 2014/2016 aprobadas polo Concello hai uns meses eran unha utopía. Pois ben, agora, se tivesen vergoña, que non a teñen, recoñecerían publicamente que se pasaron de frenada cando dixeron o que dixeron”.

Exit mobile version