Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo inviste 4.000 euros na reforma da instalación eléctrica do local social de Rúa

Cervo, 18 de decembro de 2013- O Concello de Cervo iniciou esta semana os traballos de renovación da instalación eléctrica do local social de Rúa. Un proxecto que se leva a cabo co obxectivo de incrementar a potencia actual, que non era suficiente para atender a oferta de actividades que se levan a cabo no local. Cabe destacar que a instalación anterior se atopaba en bo estado, polo que a substitución está motivada unicamente pola necesidade de dispoñer de máis potencia.

Neste caso, ao tratarse dun local de pública concorrencia, é necesario realizar unhas obras de transcendencia e adaptadas á normativa actual, que inclúen a colocación obrigatoria de cableado resistente ao lume libre de halóxenos.

As tarefas estanse realizando de forma que non entorpecen a rutina diaria das entidades que utilizan o local. De feito, na programación dos traballos tivéronse en conta os horarios e as actividades das asociacións. Un proxecto no que o Concello inviste uns 4.000 euros, sufragados con fondos municipais e que se prevé que estea rematado a semana que vén. En canto á data de entrada en servizo da nova instalación, está prevista para principios de xaneiro de 2014.

A edil de Obras, Pilar Armada, valorou moi positivamente esta acción “xa que permitirá ás diferentes asociacións que utilizan o local ampliar e mellorar as súas posibilidades á hora de ofrecer actividades” e lembrou que as obras lévanse a cabo atendendo a petición de veciños e colectivos.

Exit mobile version