Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz comeza este sábado a programación de Nadal co Festival en beneficio do Asilo e remata o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis

Foz, 12 de decembro de 2013. A programación de Nadal do Concello de Foz empezará este sábado, día 14, co festival en beneficio do asilo de anciáns e rematará o 5 de xaneiro, coa Cabalgata de Reis. Ademais haberá outras actividades como un encontro de canto coral, unha foliada infantil, concertos de panxoliñas e a visita de Papá Noel.

O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo, anunciou que este sábado ás seis e media da tarde “farase na sala Bahía o festival en beneficio do asilo de anciáns de Foz no que participarán a Tuna de Veterinaria de Lugo, O Feitizo animación, o grupo de teatro A Adala, Tono, a Asociación Folclórica Andaravío, a Rondalla Latexos, Carina e o grupo Canere Sons. Cobrarase unha pequena entrada de tres euros e a recadación íntegra levarase ao asilo ao final do festival”, explicou Paleo, quen tamén aclarou que “os que non queiran aportar nada tamén poderán pasar sen ningún problema” e destacou que “toda a xente que participa neste festival faino de forma desinteresada e quero agradecer a súa colaboración”.

O edil de Cultura engadiu que “ao día seguinte, o domingo 15, celebrarase o 11º Encontro de Canto Coral de Nadal tamén na sala Bahía ás seis e media da tarde. A entrada é gratuíta e participarán o coro parroquial Virxe da Peregrina, de Cordido; o coro parroquial de Cangas; o coro Virgen de los Dolores, de Ferreira; o coro Os Castros, de Cangas; o coro da Escola de Música de Foz; o coro parroquial de Foz; o grupo Mar Aberto; a coral polifónica de Burela e a coral polifónica de Foz”.

Ánxel Paleo tamén deu a coñecer que “na semana seguinte o día 21 será a foliada infantil que organiza a agrupación folclórica A Subela, que a fai todo os anos con chocolatada incluída. E, xa nas propias datas do Nadal, o 24, día de Noiteboa, ás doce da mañá os alumnos da Escola de Música de Foz farán un concerto de panxoliñas pola rúa se o tempo acompaña; e tamén está previsto que Papá Noel chegue a Foz ao mediodía para percorrer as rúas e falar cos nenos e nenas. Teremos tamén o concerto de Nadal que fai todos os anos a Banda de Música de Foz, que será na igrexa parroquial pero de momento non está concretada a data de celebración”.

Ademais “o venres 27 ás seis e media da tarde na sala Bahía teremos teatro infantil coa compañía Os Quinquilláns representando a obra O Merlín. O 31, día de Fin de Ano, os alumnos da escola de música tamén farán un concerto de panxoliñas pola avenida da Mariña. E, xa metidos no ano que vén, o sábado día 4 a orquestra Oresmu, da Escola de Música de Foz, fará un concerto na sala Bahía a partir das sete e media da tarde. E, para rematar, o domingo día 5 terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas do pobo acabando na Casa do Concello, onde estará o belén”.

O concelleiro de Cultura rematou invitando “a todos os veciños de Foz e da Mariña que queiran asistir a estes actos que se acheguen ata Foz”.

Exit mobile version