Site icon Crónica3.com A Mariña

O eido da Cultura solicita o nomeamento do músico Miro Casabella, fillo predilecto do Concello do Valadouro

Manuel Lourenzo, Isaac Pérez, Xesús Pisón e Lionel Rexes veñen de presentar unha proposta para o seu debate no Pleno do Concello do Valadouro en relación ó recoñecemento do músico Miro Casabella co nomeamento de fillo predilecto do Concello do Valadouro.

En total, 122 persoas do eido da cultura, apoian esta proposta que argumenta que “Miro Casabella é un dos principais renovadores da cultura galega a partir da música, baseada en temas poéticos tanto tradicionais (cantigas medievais) como cultos, de autores contemporáneos e de creación propia. Os inicios de Miro Casabella no mundo da música sitúanse nos anos sesenta do pasado século, cando ten lugar no noso País un afloramento de conciencias libres. Miro Casabella é membro do primeiro grupo musical que participa desa vitalidade: Voces Ceibes. Desde aquel tempo até hoxe mesmo, Miro non deixa de compor nin de traballar cun espírito de independencia admirábel, constituíndo para moitos galegos unha referencia identitaria. Por todos estes motivos consideramos que o Concello do Valadouro debe distinguilo co título de Fillo Predilecto”.

Ademais, recordan que se ven de producir recentemente, no concello do Valadouro, “un acontecemento triste” tras someter a votación do Pleno Municipal a nominación de Miro Casabella para Fillo Predilecto do Concello “sendo recusada polo grupo político maioritario con argumentos absolutamente contestábeis”.

“É por iso e mais pola estatura artística de Miro Casabella –o máximo representante da Canción Galega, vinculado ao Valadouro pola súa música e a súa persoa– que nos entristece e indigna esta resolución, especialmente inxusta se lembramos todas as ocasións en que Miro ten colaborado, desinteresadamente, en actos públicos no Valadouro, como a homenaxe ás orquestras celebrada o verán pasado no Instituto”.

Polo tanto, consideran que “Miro Casabella merece con creces ese título que se lle nega e que tanto honraría o propio nome do Valadouro. E esperamos que, coa maior brevidade posíbel, a decisión política ao respecto sexa rectificada, pola propia honra do Concello, do Valadouro e da Cultura”.

Asinantes
Na listaxe de asinantes que agardan o apoio de todos os concelleiros aparecen, entre outros nomes, os coñecidos literatos Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Lois Diéguez, os músicos Rodrigo Romaní (quen foi compoñente de Milladoiro e na actualidade de Son de Seu), Bieito Romero (fundador de Luar Na Lubre), Anxo Pintos (fundador de Berrogüetto), Bibiano, Vicente Araguas ou Xerardo Moscoso (quen foron pioneiros do mítico movemento Voces Ceibes), Antón Reixa, Xurxo Souto ou Mero Iglesias (do grupo A Quenlla), actores e actrices como Cándido Pazó, Laura Ponte ou Xesús Ron, ou o fotógrafo Xurxo Lobato.

Das terras da Mariña (entidade da que forma parte o val natal de Miro Casabella) sumáronse entre outros persoeiros, os artistas Caxigueiro, Celso Dourado, Xosé Vizoso, Juanel, Mauro Leivas ou autores como Antonio Reigosa, Farruco Graña, Antón Meilán, Francisco Piñeiro ou Marina Oural, ou músicos como Ugia Pedreira.

Da comarca xeográfica do Valadouro (concellos de Alfoz e O Valadouro) están, entre outros nomes, Miguel Vila (autor de O crime de Santa Cruz do Valadouro), Arturo Mogo (autor de Contos dun ribadense, Desiderio Palazón), Ramón Reimunde (autor de A Costeira), Lionel Rexes (autor de Ditos e refráns do Valadouro), Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira e Xesús Pisón (coautores de Contos do Valadouro ou Arqueoloxía do Valadouro), o artista plástico Xosé Blanco ou o ensaísta filosófico Pedro Rubal, fillo predilecto do Concello de Alfoz.

Exit mobile version