Site icon Crónica3.com A Mariña

O mellor fútbol sala de base despedirá 2013 no II Trofeo do Nadal mariñán de Imdecum

Martes, 17 de decembro. O Trofeo do Nadal Mariñán volverá reunir, por segundo ano, o mellor fútbol sala de base na bisbarra para despedir o ano. Baixo a lenda ‘Imdecum fomentando o fútbol sala na provincia’, a Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña organizará o devandito encontro, cun total de 7 clubs lugueses de base e 24 equipos en competición, entre benxamín e xuvenil, o venres 20 e sábado 21.

A competición futbolística arrincará o venres 20 cos conxuntos mariñáns AD Santiago de Foz, ED Lourenzá, Cidade de Viveiro, ED Alfoz-O Valadouro e ED Burela FS, ademais do Azkar Lugo FS e o Vilalba FS. Os pavillóns burelaos Vista Alegre e Monte Castelo, xunto ao focego de Marzán, albergarán o apartado de competición o venres pola tarde. O sábado pola mañá todos os partidos se concentrarán na vila burelense, en Vista Alegre, Monte Castelo e Os Castros. A bomboneira acollerá a entrega de trofeos o sábado pola tarde, coincidindo co descanso do partido de Primeira División LNFS, CD Burela FS Pescados Rubén-Peñíscola (18.30 horas).

O xoves, 19 de decembro, o adestrador do CD Burela FS Pescados Rubén da Primeira División LNFS, Juan Luis Alonso Doral, inaugurará a segunda edición do Trofeo de Imdecum, cun relatorio aberto a todo o público interesado na formación de base. A Aula de Usos Múltiples do IES Monte Castelo de Burela acollerá a intervención do técnico laranxa baixo o título ‘Metodoloxía da defensa nas categorías de base’, a partir das 20.00 horas. Media hora antes, terá lugar a reunión técnica para os clubs participantes no torneo.

Primeira edición
O I Trofeo do Nadal Mariñán, apadriñado polo adestrador galego de prestixio internacional José María Pazos, Pulpis, despediu 2012 coa ilusión da AD A Mariña FS, AD Santiago de Foz e ED EON Burela FS ao levantar os galardóns de campións. Un total de 17 equipos lugueses, con preto de 200 deportistas, déronse cita na primeira edición.

Exit mobile version