Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta en Ribadeo a súa Axenda Feminista 2014 dedicada ás teatreiras galegas

Despois do éxito e boa acollida que tiveron as edicións anteriores das Axendas Feministas do Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicadas no 2011 ás reivindicacións pola igualdade aínda pendentes, no 2012 ás músicas galegas e no 2013 ás escritoras galegas, o Observatorio volve a apostar por visibilizar ás mulleres dun ámbito cultural e presenta a Axenda Feminista 2014: Teatreiras Galegas. Non nacín para ser domesticada…

Teatro como resistencia. Teatro como compromiso. Teatro e teatreiras galegas como eixo central da cuarta axenda feminista. Porque sobranceiro é o papel das mulleres no desenvolvemento e profesionalización do teatro galego. E porque queremos continuar a nosa porfía de visibilizarmos e valorizarmos o traballo das mulleres galegas en distintas facetas do eido cultural. Non nacín para ser domesticada… é unha homenaxe ás teatreiras galegas. Para visibilizar o seu traballo e dalgún modo tamén dalo a coñecer.

Son moitos os nomes das teatreiras galegas vinculados á dirección e á interpretación, pero tamén a outros ámbitos técnicos (se cadra menos visíbeis, máis igualmente trascendentais na posta en escena), como a iluminación, a produción, o control técnico, o vestiario, a programación ou a distribución, por citar algúns. Na Axenda Feminista 2014 o Observatorio optou por darlle prioridade ás directoras e actrices de teatro e 12 son as mulleres que nos acompañarán durante o 2014: Pilar Pereira, Ánxeles Cuña, Cristina Domínguez, Isabel Risco, Mónica Camaño, Anxela G. Abalo, María Armesto, Patricia de Lorenzo, Paula Carballeira, Anabell Gago, Iria Sobrado e a mariñá Comba Campoy. Doce mulleres que, coma nas outras axendas, inauguran cada mes do ano cunha foto e un texto escrito expresamente para a axenda.

A todas elas dalles a benvida as palabras dunha galega pioneira na escena como A Bela Otero (1868-1965), que non naceu para ser domesticada; e máis a figura mitolóxica dunha Medea – deseñada polo ribadense Chenchu López en base á unha ilustración da súa irmá Mariola López – sabia e áxil, loitadora e combativa.

Após da presentación en Compostela o xoves 5 de decembro na Libraría Lila de Lilith con Paula Carballeira, Anxela G. Abalo, Anabell Gago, Iria Sobrado, Mónica Camaño e Pilar Pereira, o Observatorio presenta a Axenda Feminista 2014 en Ribadeo, o sábado 7 de decembro ás 12.30h na Libraría Casa das Letras, coa actriz – xa adoptada como mariñá – Comba Campoy.

A Axenda Feminista 2014 repite o formato da do 2013, en tamaño A5, con tapas duras, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. Ademais dos textos e das fotos de cada teatreira tamén se poderá atopar unha pequena selección dos traballos de cada unha delas nas artes escénicas, datas relevantes para o movemento feminista que decote pasan desapercibidas noutros almanaques, páxinas de notas, ou o calendario menstrual 2014.

O prezo da axenda son 12 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 10 euros) e se pode atopar nos seguintes puntos de venta:

Ribadeo: Libraría Casa das Letras e Tenda de Calidade Guidán.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel e Papelería Atril.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith e Libraría Pedreira
A Coruña: Libraría Suevia.

Exit mobile version