Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés explicará a situación económica do Concello

Burela, a 17 de decembro de 2013.- O Partido Popular de Burela explicará polo miudo á cidadanía a situación económica do concello, porque, segundo o portavoz da Agrupación Local, José Luis Lois Losada, “os veciños teñen dereito a saber que se fai cos cartos de todos”.

Lois Losada refireuse concretamente á débeda que soporta o concello burelés: “A débeda que tén o concello tén matrícula socialista; dase a circunstancia que Burela ainda está pagando a débeda herdada do antiguo concello de Cervo, débeda herdada do goberno socialista de Roberto Alvarez e Ismael Rego. Esa débeda era en 1995 de seiscentos millóns das antigas pesetas, ou sexa, tres millóns seiscentos mil euros; a día de hoxe, ainda quedan por pagar uns seiscentos mil euros, e eso é unha auténtica lacra para a economía municipal, dado que o crédito é un crédito blindado”.

O portavoz da Agrupación Local do PP burelés tamén manifestou que “en 2014 tamén hai que empezar a amortizar capital do crédito que o concello tivo que pedir para pagar as facturas que o bipartito deixou sen pagar, un millón cen mil euros, outra débeda herdada do PSOE, neste caso, de Alfredo Llano. Como se ve, o PSOE só deixa débedas cando goberna”.

Lois Losada dixo que en 2014 o concello pagará entre as dúas débedas un total de trescentos noventa mil euros. “De non ser polas débedas que deixaron os socialistas e que agora temos que pagar entre todos, o concello podería, entre outras cousas, asumir o canon de Sogaza”.

Este asunto foi debatido polos afiliados do PP local nunha asamblea que tivo lugar onte, e que estivo bastante concurrida. Durante a mesma, os asistentes ratificaron o traballo que se está levando a cabo desde o partido e desde o grupo de goberno municipal. Lois Losada indicou que “a Agrupación Local de Burela é unha das agrupacións máis vivas e dinámicas da provincia, xa que asambleas coma as de onte facémolas tres ou catro veces no ano para manter contacto directo coas nosas bases. Por outra banda, o alcalde e os seus concelleiros están a facer un bon traballo, que se centra na máxima de non gastar máis do que se ingresa e pagar o que se debe”.

Finalmente, os afiliados do PP de Burela respaldaron tamén as liñas de traballo que tanto a dirección do partido coma o grupo de goberno teñen establecidas para os vindeiros seis meses.

Exit mobile version