Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario durante o que pedirá a ampliación do período de exposición pública do PXOM

Mondoñedo, 18 de decembro de 2013.- O Partido Popular de Mondoñedo vén de darlle traslado este mércores a un escrito dirixido ao alcalde da localidade, Orlando González, no que solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario co obxecto de pedir a ampliación do período de exposición pública do PXOM.

Os populares amparados na normativa legal que recolle a posibilidade de solicitar unha convocatoria de carácter extraordinario por máis da cuarta parte dos concelleiros; propoñen como punto a tratar o de instar ao Concello de Mondoñedo a que amplíe o prazo de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como mínimo nun mes.

Dende o PP local asentan esta petición nas demandas trasladadas polos veciños que piden a ampliación do período de exposición e polo tanto de alegacións do que é un documento de especial relevancia tanto para o municipio en xeral, como para cada mindoniense, en particular.

Os populares alegan no seu escrito ter constancia de que son numerosas as demandas por parte dos veciños relativas á petición de información sobre o plan, cuxa resolución frutífera implicaría a ampliación do prazo de exposición pública do PXOM.

O PP local explica que esta solicitude de ampliación do prazo xustifícase a maiores polos erros detectados no plan, o que implica a oferta dunha maior información aos veciños e máis tendo en conta que as oficinas técnicas non estiveron a pleno rendemento.

Colaboración do Partido Popular
O Diario Oficial de Galicia (DOG.) do 4 de novembro de 2013 recolle o anuncio da exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal, por un período de dous meses que comezaron a contar a partir do día seguinte ao da publicación no DOG. Polo tanto, o prazo remataría o vindeiro 5 de xaneiro.

Os populares realizaron dende aquela unha labor informativa do documento; tanto a través de reunións nas distintas parroquias adiantando que daba inicio esta proceso como as mañás dos sábados, coa apertura da sede local do PP; onde os veciños poden analizar a documentación a maiores de ofrecer asesoramento técnico.

Dende o PP, conscientes da relevancia e necesidade de que se elabore con éxito un documento destas características, demandan un período maior de tempo para que este proceso de información se poda levar a cabo atendendo a todas das peticións e permitindo que todos os veciños podan comprobar cales son as condicións nas que quedarán a súas propiedades.

Exit mobile version