Site icon Crónica3.com A Mariña

O Seminario Galego de Educación para a Paz conmemora o 65 aniversario do Día Internacional dos Dereitos Humanos

O vindeiro martes, 10 de decembro, cúmprese o 65 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. Con ese motivo conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos proclamado pola ONU.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, como ven sendo habitual nos últimos anos, en colaboración coa Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, organiza unha LECTURA PÚBLICA da Declaración Universal con nenos e nenas dos colexios e institutos de Santiago xunto con personalidades do mundo da cultura, institucións, entidades sociais e persoas a título individual que queiran participar libremente neste acto que pretende divulgar e sensibilizar sobre a relevancia e vixencia dos dereitos humanos, sobre a base da igual dignidade humana, e a súa violentación, no mundo actual e ó noso carón.

Haberá música (Emilio Rúa e Xosé Costenla), lectura de poemas, textos, interpretacións…entre as 10:00 e as 13:00 horas.

O acto estará presidido polo Reitor, Juan Casares, o Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández, a directora académica da Cátedra UNESCO, Mar Lorenzo e o presidente do SGEP, Manuel Dios.

A entrada é libre. Calquera persoa interesada pode ler un artigo da Declaración si o desexa, simplemente comunicándoo previamente ó correo electrónico do SGEP: paz@sgep.org

Exit mobile version