Site icon Crónica3.com A Mariña

Os empresarios asentados no peirao de Burela pagarán menos o vindeiro ano en catro taxas pola ocupación do espazo portuario

Burela, 12 de decembro de 2013. No 2014 haberá catro taxas e tarifas pola ocupación do espazo portuario que baixarán. Así llelo expuxeron os responsables de Portos de Galicia aos empresarios e autónomos asentados no porto de Burela no encontro mantido esta mañá e ao que asistiu o alcalde, José Mª González Barcia.

O rexedor contou que “hoxe pola mañá e a petición dos propios empresarios que están ubicados no espazo portuario houbo unha xuntanza entre persoal de Portos de Galicia e os propios empresarios para explicarlles as distintas variacións que se producirán de cara ao vindeiro ano nas tarifas e taxas que pagan pola ocupación do espazo portuario”.

González Barcia lembrou que “nós mantivemos unha reunión hai dous meses cos empresarios para dicirlles que Portos estaba a redactar un plan de usos do porto de Burela, previo a un plan sectorial para definir os equipamentos e as instalacións que se poden ubicar dentro dese espazo portuario. E naquel encontro foi onde os empresarios, os autónomos, que están no peirao propuxeron a posibilidade de manter un encontro con representantes de Portos de Galicia para recibir información sobre as variacións das taxas e das tarifas para 2014 e esa reunión se celebrou hoxe”.

Segundo explicou o alcalde burelés “hai 4 taxas que baixarán o vindeiro ano. Unha é a denominada CIS (sobre a actividade comercial, industrial e de servizos) que descenderá un 10%; baixa tamén a tarifa X5, que é a referida aos atraques das embarcacións deportivas; outra tarifa que descende un 8% é a que pagan os establecementos hostaleiros pola ocupación de solo e tamén baixa a E2, que é a que pagan os almacéns que están nos espazos portuarios”.

O equipo de goberno burelés considera que “é algo positivo fundamentalmente para poder manter a actividade. Nós seguiremos mantendo encontros cos empresarios e autónomos da zona portuaria porque algunha proposta xa plantexaron de cara a próximos anos co obxectivo de que sexa tido en conta pola Xunta de Galicia. Eles avogan pola modificación de taxas e de tarifas para tentar compaxinar a actividade económica cos tempos que corren agora mesmo, é dicir que non se grave demasiado a actividade económica que se poida levar a cabo no espazo portuario”.

Exit mobile version