Os socialistas da Mariña anuncian que pedirán en todos os Concellos que o Partido Popular se opoña ó desmantelamento do Hospital da Costa. Para elo, presentarán nos respectivos Plenos municipais unha moción conxunta para esixir que se garanta a sanidade pública comarcal. Esta decisión, apoiada por todos os representantes do PSOE nos municipios desta zona da provincia, súmase á do grupo municipal socialista de Burela, quen xa solicitou unha sesión extraordinaria para que este centro sanitario siga prestando os mesmos servizos públicos.
Deste xeito, os socialistas rexeitan decididamente a área sanitaria integrada provincial, pois consideran que “este é o primeiro paso para que o noso Hospital perda a súa autonomía”. A este respecto, subliñan que “nestes momentos, nos que xa non caben máis recortes lineais, só se pode gañar eficiencia nos procesos asistenciais. Por tanto, se o centro sanitario deixa de ser xestionado dende Burela, o único que se conseguirá é vetar o acceso dos mariñanos á Sanidade pública”.
Unha medida privatizadora
Neste senso, consideran que, falar da área sanitaria integrada, “é o mesmo que falar de privatizar este servizo. Primeiro foi o medicamentazo, logo o copago e agora o desmantelamento do Hospital”, afirman.
Precisamente, o día 10 de decembro farase efectivo o traslado do personal facultativo ó HULA; isto significa que, cando menos, un especialista e unha enfermeira de prevención de riscos laborais veranse obrigados a reforzar, varias veces por semana, este servizo no centro sanitario da capital. Ademais, a área de contabilidade deixará de existir a partir do 1 de xaneiro, perdéndose alomenos seis postos de traballo.
“Isto é a proba de que o Decreto de Xestión Integrada non só elimina a autonomía de xestión sanitaria, senón que provoca a destrución do Hospital. Por tanto, se o Partido Popular non apoia a nosa moción estarán sendo cómplices e co-autores deste sistema”. Por iso, aseguran os socialistas, que as declaracións da Conselleira, nas que afirmaba que nuestro modelo de gestión no es privatizar la bata blanca, “non só caen polo seu propio peso, senón que demostran que á Xunta de Galicia o único que lle preocupa e cadrar as contas”. Proba delo, indican, é que entre 2011 e 2012, a administración autonómica rebaixou en 220 millóns o custe en farmacia para dedicalo, en vez de a melloras sanitarias, a pagar facturas. “E isto non o dicimos os socialistas, díceo o informe presentado no Parlamento no que se fai balance sobre as medidas adoptadas para reducir os custes farmacéuticos nos últimos tres anos”.
Emprego e Educación
A decisión de presentar unha moción conxunta en todos os Concellos foi un dos acordos ós que chegaron os socialistas na última reunión que mantiveron a nivel comarcal. Nembargantes, no encontro tamén achegaron posturas sobre outros temas como a crítica situación que atravesa a Mariña no eido laboral, non só pola situación de Sargadelos, senón polo aumento do número de desempregados que, no mes de novembro, situouse nos 5.000.
Así mesmo, a Educación, dado que a Xunta de Galicia está a impedir que os alumnos do colexio público de Cervo poidan comer gratis no comedor escolar, debido a que non lles habilita unha praza nun radio de dous quilómetros do seu domicilio, foi outro dos asuntos abordados.