Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas da provincia únense para esixir á Xunta un plan de emprego que compense a discriminación perpetrada nos Concellos do PSOE cos obradoiros

socialistas-roldaempregoO secretario de Política Municipal da executiva provincial, Alvaro Santos, acompañado de Alcaldes e voceiros do PSdeG-PSOE, anunciou este luns que o Partido Socialista esixirá nos 67 Concellos que a Xunta de Galicia desenvolva un plan de emprego específico para compensar a discriminación que a administración autonómica perpetrou nos municipios que non están gobernados polo Partido Popular na concesión, por exemplo, dos obradoiros de emprego. Deste xeito, Álvaro Santos indicou que, nos respectivos Plenos, os Alcaldes e voceiros socialistas instarán a través dunha moción conxunta a crear esta iniciativa para eliminar o uso partidista dos criterios aplicados polo Goberno galego para outorgar estas axudas. Así mesmo, anuncia o secretario de Política Municipal, os socialistas tamén pedirán que se elabore un plan específico de emprego xuvenil, que permita frear a sangría demográfica que sofren os Concellos ante a ausencia de oportunidades para crear novos postos de traballo, e demandarán nova medidas destinadas ás persoas maiores de 55 anos por ser este un colectivo de difícil inserción laboral.

Nese senso, Santos subliña que o PSdeG-PSOE veise na obriga de tomar esta situación ante a campaña propagandística que está a levar o Partido Popular “contra a Deputación e contra quen consideran un inimigo político. É inaudito, a primeira vez na historia que un Partido ataca frontalmente a creación de emprego, sobre todo nos tempos que corren, e nos que hai 27.440 parados na provincia, e 7.000 máis dende que Feijóo está na Xunta de Galicia”.

“Co PP, as cifras do paro baten récords históricos”
A este respecto, engadiu que “co PP, as cifras do paro baten récords en Galicia e o desemprego sube por riba da media do Estado. Mentres Mariano Rajoy xa renunciou a crear emprego cando nin sequera chegara á metade do mandato, pois leva recortado 4.000 millóns de euros neste eido, e Feijóo reduciu á metade os fondos dende que goberna, declarándose incluso incompetente en emprego, a Deputación aumentou nos dous últimos anos o investimento nesta materia nun 90%. Din que destinan 4 millóns para emprego na provincia de Lugo. Debería darlles vergoña. Pero se a Deputación, que non ten as competencias e conta con 100 veces menos orzamento que a Xunta de Galicia, triplica esa partida…”, afirmou o socialista, pois mentres o Goberno galego dedica 150 euros por desempregado, a Deputación destina 481 euros”.

A etapa de Feijóo, “un trauma para os lucenses”
O secretario de Política Municipal explicou que a etapa de Goberno de Feijóo na Xunta de Galicia está a supoñer “un verdadeiro trauma” para os galegos e os lucenses debido á falta de sensibilidade das políticas dos populares. “No contexto de crise actual están a romper as estruturas sociais que considerabamos como seguras en termos de progreso económico e en igualdade social”, destacou o socialista.

A pesares de que dende o Partido Popular se nega este aumento exponencial das desigualdades, numerosos estudos como os de Eurostat, o Observatorio da Realidade de Cáritas ou o informe Foessa 2013, demostran que a “brecha social aumenta vertixinosamente, ameazando a cohesión social necesaria para calquera proxecto de sociedade”. Proba delo é que, mentres o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) cada mes mostra que o paro é o principal problema que perciben os galegos, o Partido Popular de Feijóo segue aplicando políticas de contención de gasto que fomentan a austeridade das administracións e desvalorizan o fluxo comercial do capital, propiciando a caída do consumo. Pero ademais as políticas económicas impostas por Mariano Rajoy, como a desregulación do mercado de traballo, afondaron máis no aumento do paro debido á facilidade de despedimento por parte dos empresarios, “perseguindo o suposto mantra da competitividade empresarial por medio da moderación salarial”.

Malia que todos os indicadores mostran que o número de desocupados non para de aumentar, os Gobernos do PP insisten en que se está a saír da crise, esquecendo que se está a deixar atrás a enormes capas sociais que non poderán reincorporarse como parte activa da sociedade, e que están abocados á precariedade. Un colectivo social que está a ser especialmente castigado ademais dos mozos son os maiores de 55 anos, vítimas da maioría dos EREs executados na provincia; de aí que os socialistas pidan tamén un plan específico para estes dous colectivos.

Castigo do PP
Neste contexto de desigualdade, paro e pobreza, no que a Xunta é a única administración que ten competencias en materia laboral, as políticas de emprego autonómicas caracterízanse por unha diminución do diñeiro presupostado en fomento do emprego, e no uso partidista dos plans para premiar ós Concellos gobernados polos populares. “Cada ano asistimos ó castigo que somete Feijóo ós galegos reducindo as partidas presupostarias para inserción laboral. Para os orzamentos de 2014, Feijóo volve demostrar que goberna de costas á cidadanía, recortando case 10 millóns de euros as políticas activas de emprego”.

Ademais, engade secretario de Política Municipal, os obradoiros de emprego da Xunta poñen de manifesto a exclusión que sofren algúns cidadáns polo feito de residir en municipios gobernados por Alcaldes que non sexan do Partido Popular. A discriminación padecida polos lucenses, subliña, vén determinada polas bases que regulan a concesión destes proxectos, que esixen ter rexistrados 500 desempregados. Para a realidade da pranta municipal da provincia, este criterio supón “unha exclusión de facto”, xa que a poboación destes é moi reducida.

Por outra banda, o Goberno galego premia os proxectos intermunicipais, fomentando prácticas partidistas no deseño dos obradoiros. Así, os Concellos gobernados polo PP únense, illando ós municipios socialistas e xerando verdadeiras zonas de sombra onde se imposibilita ós lucenses recibir as políticas laborais da Xunta. O resultado do “clientelismo” de Feijóo é que dos 21 obradoiros asignados para Lugo en 2013, 19 están gobernados polo PP, concluíu Álvaro Santos.

Exit mobile version