Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Burela denuncian “a maneira caciquil, prepotente e soberbia que ten o PP de Burela de facer política” despois do Pleno extraordinario celebrado este venres

Dende o PSdG-PSOE de Burela queremos informar a todos os veciños e veciñas de Burela, que despois da celebración no día de hoxe do Pleno Extraordinario que nos vimos obrigados a solicitar ante a non convocatoria por parte do Sr Barcia do Pleno Ordinario que debera terse celebrado a finais do pasado mes de novembro, demostrando unha falla de cultura democrática nunca vista. Demostrouse unha vez máis no día de hoxe, a nula defensa que o Sr Barcia e o seu equipo de “desgoberno” fai dos intereses dos veciños e veciñas do noso pobo.

Os puntos que se trataron neste Pleno Extraordinario, propostos polo PSdeG-PSOE eran os seguintes:

Solicitar a implantación de forma urxente da Área Sanitaria Integrada na Mariña
Neste punto o PP de Burela votou en contra, demostrando así a súa deixadez de funcións claramente en prexuízo dos veciños e veciñas non só de Burela, senón que de toda a comarca. Despois da constatación do desmantelamento progresivo que está a sufrir o Hospital da Costa, que para o ano 2014 xa non vai a contar con presuposto propio e pasará a depender directamente de Lugo, o PP de Burela deu as costas os cidadáns defendendo unicamente posturas partidistas e seguindo a “pies juntillas” as instrucións que marca o PP a nivel galego.

O PP de Burela perdeu unha grande ocasión de poñerse do lado dos veciños e veciñas e desperdiciouna.

Revogación dos acordos tomados no Pleno Extraordinario do Concello de Burela celebrado o pasado día 15 de Novembro do 2013 referido ó aumento da taxa de basura dun 34% do canon de Sogama
Neste punto o PP de Burela tamén votou en contra, pese a que aínda se está a tentar chegar a un acordo sobre esta suba do canon de Sogama. E pese á petición que lle facíamos dende o PSdeG-PSOE de Burela de que anulara aquel acordo plenario, que se aprobou cós votos do PP, de que revogara este acordo e mostrara a súa desconformidade con esta suba. O PP de Burela preferiu non revogar este acordo e seguir coa súa intención de repercutir esta suba, antes de que incluso se aprobe oficialmente, nos petos dos veciños e veciñas de Burela. O Sr Barcia demostra, unha vez máis, que é todo un precursor cando se trata de meterlle man a base de impostos ós nosos cidadáns, tendo en conta que por riba de todo temos un dos servizos do lixo máis caros da provincia de Lugo.

Con esta votación o PP demostra que está a favor da subida do canon para os nosos veciños e veciñas.

Solicitar que en próximas convocatorias para a concesión de subvencións a asociacións municipais se apliquen as bases existentes xa no Concello e se garanta o réxime de concorrencia competitiva en igualdade de condicións para todas as asociacións
Neste punto o PP de Burela volta a demostrar que funciona a base de favores políticos, votou en contra de que se fagan unhas bases obxectivas, claras e con criterios de igualdade para todas as asociacións, prefiren concedelas a dedo, e utilizando a chantaxe política para ter ás asociacións caladas polo medo ás represalias que se podan tomar por parte do equipo de “desgoberno” cando chegue a hora de repartir as subvencións. Ademais disto, incumprindo a lei (38/2003) que obriga a ter unhas bases para a concesión de este tipo de axudas e que estas se concedan por concorrencia competitiva, xustamente o que pedimos dende o PSdeG-PSOE de Burela.

Todo o anteriormente exposto demostra ben ás claras a maneira caciquil, prepotente e soberbia que ten o PP de Burela de facer política. Deixando de lado ós nosos veciños e veciñas, e seguindo as consignas que lle marca o PP a nivel galego có Sr Feijoo ó fronte.

Dende o PSdeG-PSOE de Burela imos a loitar porque os intereses de todos os nosos veciños e veciñas se teñan en conta, e non como fai o PP de Burela que goberna só para unha parte deles.

Exit mobile version