Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Riotorto aseguran que o PP é “co-autor” de que a Xunta pase a cobrar ós veciños un 17% máis polo lixo

O PSdeG-PSOE de Riotorto asegura que o Partido Popular deste municipio é “co-autor” de que a Xunta de Galicia pase a cobrar ós veciños o vindeiro ano un 17% máis polo servizo de recollida de lixo. Este é a conclusión que extraen os socialistas logo de que os populares votasen en contra da moción presentada pol grupo municipal do PSOE para rexeitar o novo imposto da administración autonómica.

Tendo en conta o rexeitamento do Partido Popular e que este incremento implica “pasarlle a factura ós veciños”, o voceiro municipal socialista, José García Freije, afirma que “nos parece incriíble que non apoiasen a nosa iniciativa. O Partido Popular consinte claramente que a Xunta pase a cobrar o vindeiro ano máis polo mesmo servizo”. Deste xeito, aseguran que estes concelleiros son “cómplices da decisión do Sr. Feijóo, quen un bo día decidiu subir esta taxa co obxectivo de que lle cadren as contas. Os gobernos do PP gobernan a base de que paguemos os cidadáns. Onte quedounos claro”.

Modificación do canon grazas ás presións do PSOE e BNG
Con este incremento, as 537 vivendas de Riotorto que aparecen rexistradas no Instituto Nacional de Estatística (INE) están obrigadas a desembolsar o vindeiro ano por este servizo un 17% máis. Deste xeito, García subliña que “se trata dunha medida inxusta, que foi reducida grazas á presión que exercemos o PSOE e o BNG, en colaboración coa FEGAMP”. “Sinceramente, asegura o socialista, agardabamos que o PP fose responsable e non rexeitase a nosa proposta, pero lamentablemente fixo todo o contrario. O novo canon é unha decisión política, que xurde co afán único de recadar, pois vén motivada pola decisión do Goberno Central de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o plan do bipartito”.

A Xunta en contra de quen crea emprego
Por outra banda, o grupo municipal socialista rexeitou decididamente a proposta do Partido Popular, na que se sometía a debate o Plan de emprego da Deputación. Neste senso, o voceiro do PSOE neste Concello, subliña que “adoptamos esta decisión porque queremos ser coherentes, pois o único requisito que se pide no Plan da Deputación é que se beneficiará a aqueles Concellos que non recibiron ningún obradoiro nos últimos tres anos”. A este respecto, engadiu que “esta é a incoherencia do Partido Popular, nin fan nin deixan facer. Non só recortarán en 19 millóns de euros o vindeiro ano as políticas para o fomento de emprego senón que están radicalmente en contra dos que, malia non ter as competencias, si que están a facer un esforzo inversor importante para reducir o paro nesta provincia que, tal e como indican os datos publicados hoxe, somos a cuarta rexión de España na que máis emprego se destruíu no último mes”.

Exit mobile version