Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian que o goberno gaste a subvención para dinamizar o comercio local no pintado dos pasos de peóns

CERVO, 5 DE DECEMBRO. O Concello de Cervo vén de recibir uns 15.000 euros da Consellería de Economía e Industria co obxectivo de dinamizar, dende a administración pública, o comercio local, “o que non podemos consentir é que se nos trate de xustificar o repintado dos pasos de peóns ou de certas sinais viarias como medida para a potenciación da actividade comercial do noso concello. Non sabemos a quen pretenden enganar, pero que non traten de tontos ós veciños”.

Dende o Grupo Municipal Socialista recoñecen “a importancia da correcta sinalización das marcas viarias, pero a subvención que están a gastar para este cometido tiña que ir dirixida a outras actividades completamente diferentes, que axuden, verdadeiramente, ós comerciantes de Cervo. Algunha campaña de sensibilización, aportacións á ACIA, actividades que activen a vida nos comercios e as compras”.

Precisamente, neste mes de decembro, “sería a época ideal para organizar unha boa campaña de Nadal en coordinación cos comerciantes locais, que os axudara a cerrar as contas do ano en positivo. Unha campaña que propiciase as compras neste momento de dificultade para todos, iso sí que sería una boa maneira de dinamizar o comercio local”.

O goberno gasta noutros concellos
Os socialistas fan fincapé no terreo do comercio denunciando que o equipo de goberno “tería que dar exemplo, e non ser os primeiros en facer as compras noutros lugares, fóra do concello. Podemos poñer enriba da mesa, por exemplo, facturas dunha carniceria de Foz por un importe de 207€ pola compra duns chorizos galegos para unha festa, cando o poden realizar nas carnicerías locais. Iso sí sería fomentar e dinamizar o comercio local e non pola contra, facer un gasto cos cartos dos cervences noutras localidades”.

E engaden “por non lembrar os máis de 1.000 euros pagados a unha empresa de deseño gráfico de Bertamiráns para a realización de distintos carteis publicitarios. Cando en Cervo non teñamos este tipo de servizos sí que podemos acudir e dar de ganar ós concellos limítrofes. Podemos chegar a comprender que se acuda a establecementos da comarca neste caso, o que non acabamos de entender é o interese en dinamizar o comercio nos concellos de A Coruña. Con esta actitude e esta maneira de xestionar os cartos dos nosos veciños, o equipo de goberno amosa por sí só o pouco interese que teñen por favorecer o comercio local”.

Exit mobile version