A Consellería plasmou no documento Estratexia SERGAS 2014 a súa folla de ruta, segundo o cal as Unidades de Psiquiatría, Neumoloxía e Cardioloxía do HULA serán xestionadas por mans privada, a partires de xaneiro. O decreto presentado polo Partido Popular nesta materia “é ambigüo e confuso, deixa claro que ditos servizos estarán dotadas de personalidade xurídica propia. É dicir, serán independentes do SERGAS”. Un dos obxectivos é destes é integrar os procesos asistenciais. Se hai uns anos os centros de saúde dunha área sanitaria tiñan un responsable, e o hospital outro, agora a atención primaria e especializada intégranse nunha mesma xestión. Deste xeito, Primaria será a gran ferramenta para desconxestionar a atención especializada. É dicir, os profesionais dos centros de saúde van realizar cada vez máis tarefas que antes requería da atención especializada. Por exemplo, tal e como indicaron os socialistas, as citoloxías rutinarias xa non chegarán á consulta do xinecólogo. Os médicos de cabeceira poderán solicitar máis pobras de diagnose e coa receta electrónica prescríbirán tratamentos para enfermos crónicos durante meses. Incluso poderán consultar por teléfono para axilizar os centros de saúde, tal e como anunciou a Xunta esta mesma semana.
Así mesmo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) de 25 de xullo de 2013 publicaba a modificación da lei 55/2003 do Estatuto marco do Persoal dos Servizos de Saúde, no que aparece que os profesionais destas áreas perderán a súa condición como traballadores públicos para ser empregados dunha empresa privada. A súa prioridade non é buscar a eficacia senón cadrar as contas e que os beneficios non sexan para o servizo público”, afirmou a secretaria de Sanidade.
“Só se pode gañar eficiencia nos procesos asistenciais”
Deste xeito, tal e como indicou Darya Fernández “nestes momentos non caben máis recortes lineais na Sanidade pública, polo que só se pode gañar eficiencia nos procesos asistenciais. Non é concebible que nun sistema sanitario solvente os médicos pasen a ter ningunha responsabilidade nas decisións de asignación de recursos. O PP con esta medida está a conseguir: primeiro, desmantelar a Sanidade e, segundo, convertela nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por peza ó mellor postor. Nestes momentos, o SERGAS xa está derivando en Lugo os accidentados leves a centros privados polas ambulancias do 061. Que conseguen con isto? levar ós pacientes menos costosos ós hospitais privados nos que son sometidos a numerosas probas prescindibles que pagan as asegurados, de forma que este diñeiro deixa de ser ingresado polo sistema sanitario público. Isto é o que se chama a porta xiratoria política-empresa, ó propiciar que moitos médicos deriven ós pacientes ós centros amigos”, afirmou.
A Xunta de Galicia pretende así aforrar cartos, pero isto “é pan para hoxe e fame para mañá. Por un lado Feijóo asegura que leva vinte anos dedicándose á Sanidade e que dende entón se comenta que pode haber interese por privatizar o sistema, pero que nada disto vai pasar. Por outro lado, a Conselleira di: Crucemos los dedos para que la aportación sanitaria del usuario no necesite más cambios. Este é a mostra de que as medidas privatizadoras xa están aquí”, asegurou a socialista.
Aumento da listaxe de espera e peor calidade asistencial
Segundo afirmaron os socialistas, este novo modelo de xestión vai provocar un empeoramento na atención, así como un aumento notable da listaxe de espera. “Di a Conselleira nuestro modelo de gestión non es privatizar la bata blanca. E que solución dá? que Lugo comparta o servizo de Hemodinámica con Coruña e Ferrol para dar cobertura ó norte de Galicia… En definitiva, teremos unha peor calidade asistencial e teremos que agardar máis tempo para unha consulta do especialista ou para unha cirurxía”.
En 2009 a media era de 92 días. En setembro de 2013, a última cifra oficial, a demora foi de 99 días. Por tanto, co novo sistema, es número aumentará notablemente. Resulta evidente, por tanto, que os prazos frixados pola lei de garantías aprobada no Parlamento a semana pasada para que os doentes de determinadas patoloxías non esperen 60 días para operarse, resultará imposible cumprilos, sobre todo, porque Feijóo tamén suspendeu o plan de mellora de atención primaria, que recollía un aumento da plantilla dos centros de saúde e puntos de atención continuada. Isto provocou que se reducisen as substitucións. “O persoal de enfermeiría sen praza pasou a ser un colectivo case sen paro ó non ter case chamadas para facer substitucións”, conclúen.
Galicia debe ter unha taxa de reposición á hora de convocar ofertas de emprego do 10%. Nestes momentos están pendentes oposicións con 176 prazas de médicos e outra 165 para persoal médico e de enfermeiría. Con esta taxa perdéronse 3.000 postos de traballo.
O PP “está ferindo de norte á Sanidade pública”
No ano 2009, o SERGAS destinou a receitas máis de 924 millóns de euros, sen contar o gasto farmacéutico hospitalario. En 2012, segundo ós últimos datos que o Servizo Galego de Saúde fixo públicos, o gasto destinado a medicamentos que se recolle nas oficinas de farmacia caeu a 710 millóns, é dicir, case 200 millóns; un 50%.
Os grandes perxudicados foron, sen dúbida, os pensionistas. Dende o 1 de xullo de 2012 as 119.876 persoas que superan os 65 anos da provincia están a padecer os efectos do “medicamentazo”, que supón que cada mes teñan que desenvolsar un 1 millón de euros.
A esta drástica medida súmase o copago. Segundo estima Sanidade este afectará a un milleiro de doentes, que pagarán o 10% do prezo do fármaco, ata un máximo de 4,2 euros por envase. O aforro anual estimado: tan só será de 250.000 euros. Cada semana, os galegos veranse obrigados a facer unha aportación de entre 1,5 e 2 millóns de euros debido ó copago farmacéutico, que afecta a 42 fármacos. Só na provincia de Lugo existen nestes momentos uns 600 pacientes oncolóxicos que están a ser tratados no HULA -o 60% de todos os doentes que padecen unha enfermidade deste tipo en Galicia. Precisan entre 2 e 4 fármacos ó día, cun custe duns 4 euros por fármaco; o que supón pagar uns 190 euros. E, se o tratamento dura alomenos un ano, terán que pagar do seu peto, por primeira vez, 115.200 euros.
Máis medidas irracionais e discriminatorias
Esta é unha medida irracional e discriminatoria, que só serve para agravar as enfermidades e para causar problemas que poden ser irreversibles. Deste xeito, denuncian o recente anuncio do Servizo Galego de Saúde de pechar 20 camas no HULA no Nadal. “É vergoñenta a explicación que dá Xunta de Galicia de agrupar ós doentes para que estén máis preto. O único que queren é evitar as contratacións, o que provocará un incremento na listas de espera. Isto foi o que fixo tamén no verán, época na que o SERGAS tamén pechou 125 camas”.
Así mesmo, Darya Fernández tamén indicou que outros exemplos do desmantelamento que está a levar a cabo a Xunta de Galicia da Sanidade luguesa é que esta administración segue sen buscarlle unha utilidade á antiga residencia; a ampliación do hospital da Costa é o “conto da boa pipa”, pois continúa sendo unha irrealidade, pese a ser anunciado en 5 ocasións polo goberno de Feijóo. A este respecto, os socialistas anunciaron que o Partido Socialista presentou unha emenda específica ós Orzamentos da Xunta para que o Goberno galego incluíse unha partida de 2 millóns de euros para este fin. “A semana que vén saberemos cal é a postura do PP no Parlamento, se vota a favor ou, pola contra, veta directamente este proxecto”, concluíron.
Desaparece o servizo do 065
Os socialistas tamén criticaron que a Xunta suprimise a gratuidade do servizo de transporte 065, pois o único que provocará é que sexan as organizacións da discapacidade as que teñan que prestar o seu servizo e polo tanto estarán obrigadas a suplir o que é obriga do Goberno galego. O Executivo de Feijóo ten establecido un prezo de 9 euros a financiar entre a Xunta e o usuario, impoñendo un copago mínimo de 32 euros por usuario e mes. No caso, de que unha persoa perciba o IPREM este prezo aumentará ós 45 euros mensuais. E se o usuario é mileurista, a cantidade que deberá de abonar será de 130 euros.
Con esta drástica medida, a administración autonómica deixará, por exemplo, sen cobertura a 13 do 45 usuarios que acuden a diario á aula ocupacional de COGAMI en Lugo, e que viven en Portomarín, Outeiro de Rei, Láncara, Sarria, Begonte, As Nogais ou en parroquias rurais de Lugo. Na Mariña hai 168 usuarios deste servizo. A empresa Aspanane subcontratará os traslados a Celeiro cunha empresa privada. Isto provocará que resulte inevitable que asuman os desprazamentos con vehículos propios pola dispersión do rural e a esixencia de levar un conductor e coidador.
“Algo tan sinxelo como ir da súa casa á parada do autobús, subir a él e baixarse para chegar a un centro de día é algo impensable para as persoas por exemplo con dano cerebral. Por tanto, se teñen que costearse o transporte veranse na obriga de ter que abandonar a terapia. Pero non só é a distancia. Nin sequera no caso de que as súas familias poideran costearse transportes continuos en taxi estaría resolto o problema porque moitos dependentes precisan vehículos adaptados”, afirmaron.