Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira compara o investimento no emprego de Cervo: “O Concello destina 100.000 euros, e a Deputación cero euros”

Cervo, 20 de decembro de 2013- O pleno da corporación aprobou este venres de forma definitiva os orzamentos para 2014. Unhas contas nas que destaca unha partida de 100.000 euros destinada integramente ao plan de emprego e financiada con fondos municipais. Unha iniciativa que dá continuidade ao plan iniciado no 2013, que estivo dotado de 35.000 euros.

Unha área que a edil de Facenda e Emprego, Yolanda Pedreira, define como “estratéxica e prioritaria”, de aí a que o Concello fixese para o ano que vén un esforzo maior triplicando a contía para o plan de fomento do emprego, pasando dos 35.000 aos 100.000 euros. Por este motivo, Pedreira non entende as críticas do grupo municipal socialista sobre un plan “pioneiro, innovador e sensible coa situación actual”.

A responsable de Facenda e Emprego asegura que os socialistas e, especialmente a súa voceira e vicepresidenta da Deputación “non son os máis indicados para falar de fomento do emprego”. Pedreira di que só hai que comparar os cartos que investirán Concello e Deputación en materia de emprego no 2014: “O Concello de Cervo destina 100.000 euros e a Deputación cero euros”. Algo que resulta “aínda máis curioso se temos en conta que a vicepresidenta dirixe a área de Emprego da Deputación” engade a edil. Polo tanto, “a que máis pide polo emprego é a que menos dá”.

A edil insiste en que “aos socialistas moléstalles que apostemos polo emprego e, o que é peor, exclúen ao Concello do plan de emprego da Deputación”. Polo tanto, “nin lles gusta o noso plan dotado de 100.000 euros, nin nos inclúen no seu” engade Pedreira, o que implica que “se tivésemos que agardar polo apoio dos socialistas, teríamos un orzamento con cero euros para o emprego”.

Na sesión plenaria de hoxe a corporación votou a emenda aos orzamentos presentada polo PSOE, que foi rexeitada polo grupo de goberno, e contou coa abstención do BNG.

Exit mobile version