O programa desenvolverase ao longo de todo o mes de decembro, ampliándose ata marzo de 2014 con propostas diversas tales como exposicións, obradoiros, artes escénicas, cine, ou xornadas de reflexión, entre outras, que se engloban en catro áreas de actuación: Capacidades diferentes; Accesibilidade e integración, Diálogo Intercultural e Xénero e Igualdade.
Neste sentido, Antonio Veiga afirmou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística, apostamos e defendemos unha Museoloxía Social: museos que manteñen un diálogo permanente co seu entorno, museos comunitarios onde as voces das e dos cidadáns teñen moito que dicir, museos solidarios e accesibles”.
PROGRAMACIÓN
Capacidades diferentes
As actividades darán comezo este martes, 3 de decembro, no Museo de Lugo, a partir das 17.30 horas, cos obradoiros “Museos e armonía social”, dirixido ao Clube Senior da Rede, no que se dialogará arredor dun café sobre a discapacidade e as capacidades diferentes, e outro taller dirixido ao Clube de Pequeamigos, que se unirán aos nosos maiores nunha actividade interxeracional na que aprenderán os códigos e linguaxes das capacidades diferentes; e coa exposición da Fundación Anade, na Sala de exposicións do Museo, que se inaugurará ás 20.00 horas. Por outro lado, no Museo-Fortaleza de San Paio de Narla comezarán as visitas guiadas telefónicas, dirixidas a todas aquelas persoas que, dada a súa situación personal, non teñen acceso ao museo e á colección que atesoura. Estas visitas continuarán ao longo do 2014, todos os días 3 de casa mes, previa inscripción.
O 16 de xaneiro desenvolverase no MPL, coa colaboración da Asociación Raiolas Autismo Lugo, o obradoiro “Eu en ti, ti en min”, dirixidos a persoas con Autismo no que se realizará unha actividade de identificación a través do retrato dende a mirada do outro; mentres que os días 21 e 22 de decembro, desenvolverase no Pazo de Tor o obradoiro “Realidade aumentada para mellorar a accesibilidade aos museos” impartido por Mónica Castro de Lera e dirixido ao grupo de traballo social vinculado aos Proxectos de “Fotografía a cegas” e “Mulleres de aquí e acolá”.
Ao respecto destas actividades, Veiga precisou que “nós sempre acreditamos que os museos deben ser accesibles a todas as persoas independentemente das súas capacidades e, neste sentido, o traballo de inclusión que desenvolve a Rede Museística provincial, non se reduce só á eliminación de barreiras físicas, senón que se estende a actividades inclusivas coma as que presentamos hoxe aquí”.
Integración Social
Os sábados e domingos do mes de decembro proxectaranse as mellores películas da última edición do Fesrival Amal, que organiza a Fundación Araguaney-Puente de Culturas de cara a promover o intercambio cultural entre España, América Latina e o Mundo Árabe. Le thé ou l`electricité, Rabat, Eid, Bromas Aparte, e Ensemble son as películas que forman parte deste cilo e proxectaranse de maneira simultánea nos 4 museos da Rede no seguinte horario: no Museo Provincial de Lugo, todos os sábados de decembro a partir das 18 horas e os domingos de decembro ás 12:30 horas; no Museo-Fortaleza San Paio de Narla, todos os sábados e domingos de decembro a partir das 16:15 horas; no Museo Provincial do Mar, todos os sábados de decembro a partir das 16:30 horas e os domingos de decembro a partir das 12:00 horas; e no Museo-Pazo de Tor: Todos os sábados de decembro a partir das 17 horas e os domingos de decembro a partir das 11:30 horas.
No mesmo apartado, o 22 de xaneiro de 2014 farase unha visita ao Centro Penitenciario de Bonxe dentro do proxecto global “ENREDARTE: Espazos públicos de visibilidade”, a segunda dentro desta iniciativa, co dobre obxectivo de achegar os museos a colectivos que non son, tradicionalmente, usuarios dos mesmos e o de colaborar na integración social a través da cultura, atendendo ao mandado no artigo 25.2 da Constitución.
Diálogo intercultural
O 13 de decembro, ás 20.00 horas, no marco do proxecto “Mulleres de aquí e acolá”, ofrecerase o espectáculo de tanto “Muller e Arte”, a cargo da Asociación Rioplatense de Lugo. O proxecto é carácter aberto a todas as persoas que queiran participar nel aportando unha fotografía de mulleres de Lugo que emigraron a Arxentina e fotografías de mulleres arxentinas que vivan hoxe en Lugo. A convocatoria realizarase a través das redes sociais onde se facilitará a información para o envío da imaxes e a documentación a achegar. Esta proposta terá como acción complementaria unha reinterpretación das fotografías, por parte de artistas contemporáneos seleccionados, enriquecendo o proxecto a través da innovadora tecnoloxía de xeolocalizacións e da realidade aumentada.
Xénero e Igualdade
As actividades no museo do Pazo de Tor continuarán o vindeiro sábado, 7 de decembro, coa inauguración da mostra colectiva AconTecendo, ás 12.30 horas, comisariada por Noemí Cobas, exposición que se inclúe no Proxecto “ENREDARTE: Espazos públicos de Visibilidade” e no Programa ”Mulleres en / para / por / desde / ante a Rede Museística”. A mostra pretende romper cos roles de xénero, os clichés, e reivindicar unha posición igualitaria para a muller na sociedade, invadindo co textil un espazo tradicionalmente masculino, propiciando así un diálogo de xénero.
O 7 de marzo de 2014 inaugurarase, no MPL a exposición “Reinterpretando a Maruja Mallo”, unha mostra colectiva que se engloba no programa “A arte de ser Muller nun mundo por compartir 4.0”, e que está aberta a mulleres artistas que nas súas obras reinterpreten as paisaxes lucenses que aparecen na obra “Guía Postal de Lugo” de Maruja Mallo que está exposta no MPL. Como actividade complementaria haberá unha xornada de reflexión: “Xénero, creación, xestión, crítica e activismo”.
FOTOGRAFÍA A CEGAS
O acto deste luns serviu tamén para presentar a II Edición do Proxecto “Fotografía a Cegas” destinada a persoas invidentes, así como o catálogo no que se recollen os traballos realizados na primeira edición desta iniciativa, pioneira en Galiza e no conxunto do Estado, que se desenvolveu na primavera de 2012 e no que sete persoas cegas, coa dirección de catro fotógrafos profesionais e a colaboración dunha terapeuta, aprenderon a técnica da fotografía, e incluso nocións de vídeo, un traballo que tivo como resultado unha exposición e a elaboración dun documental sobre todo o proceso de aprendizaxe.