Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá a principios de 2014 un curso sobre compostaxe doméstica

Ribadeo, 20 de decembro de 2013. Ribadeo acollerá a principios do vindeiro ano un curso sobre compostaxe doméstica. As persoas interesadas en participar poden anotarse xa no Concello.

Segundo explican desde a Concellaría de Medio Ambiente “despois da experiencia vivida en 20 fogares ribadenses no ano 2012, a través da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense e financiado por SOGAMA ponse de novo en marcha o programa de compostaxe doméstica, un curso de formación dirixido a vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, hortas ou terras de cultivo, a través do cal se explicará con detalle o proceso de fabricación do compost a partires dos residuos orgánicos xerados nos fogares, obtendo un abono de alta calidade que poderán utilizar nas súas propiedades”.

E engaden que “os fogares participantes recibirán un composteiro e un manual de autocompostaxe, á vez que un mestre composteiro encargarase da instrución necesaria mediante unha charla, cuxa asistencia é vinculante á hora de recibir o material”.

O curso celebrarase a principios do vindeiro ano 2014. As vivendas interesadas en participar poderán solicitalo no Concello de Ribadeo vía telefónica a través do 982 120 701 ou por correo electrónico a medioambiente@ribadeo.org
Desde a Concellaría de Medio Ambiente sinalan que “desta maneira preténdese reducir a xeración de residuos, pechando o ciclo de recuperación e reciclaxe de materia orgánica en orixe, o que evitará o seu depósito nos contedores convencionais, alcanzando importantes beneficios ambientais e económicos, conseguindo deste xeito nutrientes necesarios para que se podan desenvolver os vexetais nas nosas terras”.

Exit mobile version